O PP di que é a máis "cicateira" do Estado e pide a eliminación total. Pola contra, o BNG propón revisar as rebaixas introducidas nos tramos máis altos.
O Parlamento acolleu este luns o debate e votación do Ditame elaborado pola comisión parlamentaria de Economía e Facenda sobre o proxecto de lei galega de medidas tributarias en relación co imposto sobre sucesións e doazóns. A reforma legal saíu adiante cos votos de PSdeG e BNG e a posición en contra do PP.
Segundo o conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, o imposto queda "modernizado e máis xusto, adaptado á realidade desta comunidade". O conselleiro insistiu no "consenso social" co que contaría esta reforma e destacou que o 90% dos galegos non pagarán tributo por esta taxa, quedando exentos os pequenos e medianos patrimonios, e indicou o "tratamento beneficioso" que segundo el se lle outorgará a transmisións de vivenda habitual e participacións empresariais. A Xunta calcula que serán en total uns 75 millóns de euros os que se deixen de recadar.
Non é da mesma opinión o PPdeG, desde onde cualificaron o acontecido de "oportunidade perdida", criticando que a taxa "vana seguir pagando os que a facían, pero de xeito máis inxusto". "Galiza quedará no furgón de cola en competencia fiscal", afirmou Alberto Sueiro, voceiro de Economía do partido. "Chega tarde", reprocha Sueiro, para quen esta é "a máis avarenta de cantas teñen impulsado as diferentes comunidades autónomas".
Por outro lado, o voceiro do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, expresou o apoio do seu grupo á reforma argumentando que "entre o perigo conservador de eliminar este imposto e o risco de manter todo igual, debilitando a competitividade,", Galiza "elixiu o camiño da reforma en profundidade, facéndoo máis social". Desde o BNG, Carlos Aymerich, indicou o acordo da súa formación coas reformas introducidas, pero advertiu de que o Bloque vai propoñer "seguir traballando na mellora deste imposto" unha vez que entre en vigor, en aspectos como a revisión das rebaixas nos tipos máis altos.
O PP di que se opta por "falta de equidade e progresividade"
Entre os problemas que desde o PP din ver na norma, están as diferenzas de tratamento fiscal a fillos, netos ou bisnetos, e as modificacións en función da idade. Segundo o exemplo detallado por Alberto Sueiro, no caso de dous irmáns de 23 e de 26 anos, o máis novo cun patrimonio preexistente de 1 millón de euros, e o maior traballando por conta allea e sen bens en propiedade, cunha mesma base impoñible de 200 mil euros, o pequeno non tributaría e o maior tería que aboar máis de 12 mil euros. Para Sueiro, a reforma promulgada practicamente carecerá de efectos para os fillos que herden dos seus pais "porque, por fortuna, a maior parte dos herdeiros, teñen máis de 25 anos".
O problema da competencia fiscal "desleal"
Ao respecto da argumentación do conselleiro de Economía, segundo o cal os cambios "responden aos desafíos en materia de competencia fiscal", de forma que Galiza quedaría nunha "posición vantaxosa" respecto ao seu ámbito.
Fronte a esa opinión, o PP agoira que "non supón avance algún que permita poñer freo á crecente deslocalización de empresas e capitais que se rexistra en Galiza cara comunidades que ten suprimido este tributo, como Castela e León ou Madrid, entre outras". Ao fío, o voceiro do BNG demandou do Estado que empregue as súas potestades para estabelecer "unhas regras mínimas que impidan esta competencia" que cualificou, mesmo de "fraudulenta".
Políticas moi sociais para estes tempos e para facernos mais europeos... dá gusto con estes políticos q temos.
Se realmente queremos ahcegarnos a europa q comecen pola gratuidade da universidade e o salario aos universitarios.
Cando comezará a defender isto o bng?
Como os márxes €mpr€$ariai$ non teñen "nada!!" que ver co disparo dos prezos e da inflación -que o dí a sua eminentísima santidade Ordoñez, outro bó nome, para o Banco Central €$pañol-, o millor que pode facer a Concellería e toda a FACHENDA (nunca millor dito, fachenda de que pagan máis os que máis teñen, piriqí!!)é rebaixar máis e mesmo ANULAR os impostos DIRECTOS SOBRE A PROPIEDADE (cartos, terras, empresas)!!
E ós do mercenarios que teñen aqueles no ramo oficial, non lles dan aínda o Nobel?
Ó ler o artigo e algúns comentarios (o que nunca pensara, ler que dende a esquerda se pida a anulación dos impostos) vénseme a cabeza un artigo de Joaquín Estefanía:
Un lector (...) manifestaba a súa sensibilidade e escribía: "Creo que o imposto sobre tales herdanzas ou posesións se debe xustamente a que máis dun lexislador ou político de esquerdas (...) quixeron atemperar un dereito que lles parecía excesivo e esixiron que unha parte do seu valor -polo menos unha parte- pasase á sociedade pola vía dos tributos" (...) Todos os dereitos esixibles custan cartos; non é que teñamos que celebrar o importe dos impostos, o que debemos celebrar é o feito de que existen; sen impostos non podemos ter a liberdade e seguridade contra a violencia: lonxe de ser unha obstrucción á liberdade, son unha condición necesaria da súa existencia; os nosos dereiros dependen dos impostos dun modo absoluto. O que se resume en "A liberdade depende dos impostos".
fonte: http://www.elpais.com/articulo...