Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ROLDA DE DOHA

A liberalización do comercio mundial a debate

Os ministros de comercio de 30 países negocian en Xenebra a redución dos aranceis agrícolas.

Redacción - 17:30 22/07/2008

Vai xa para sete anos dende que se impulsara a Rolda de Doha, unhas negociacións que teñen por obxecto permitir o acceso libre nos mercados aos produtos agrícolas. Isto leva canda si a eliminación ou redución da protección que os países ricos lle dan á súa agricultura, unha esixencia que, ata o de agora, levou ao fracaso a todas as mesas negociadoras. Os ricos deféndense asegurando que o campo non é so un sector produtivo, senón tamén cultural e argumentando que a eliminación das subvencións non é unha axuda aos máis pobres, senón a outros grandes produtores, como Brasil, a India ou Arxentina. Da súa banda, estes países reivindican un mercado global en equilibrio.

En Xenebra, as conversacións iniciáronse esta semana coa proposta que fixo a Unión Europea de reducir os seus aranceis agrícolas nun 60%, ao tempo que pide ás economías emerxentes que respondan á oferta coa rebaixa dos seus aranceis, estes no campo industrial.

Despois destes sete anos de negociacións, a xuntanza desta semana vese como a última oportunidade para salvar o acordo de libre comercio, porque as eleccións estadounidenses están ás portas e, de seguro, poderán condicionar a mesa de debate. Sen embargo, o clima económico actual, caracterizado por unha crise global, o prezo do petróleo e a crise alimentaria non contribúen ao acordo.

Posición do Estado español
A Asociación ecoloxista galega, Verdegaia, xunto con outras plataformas do Estado veñen de solicitar ao goberno que non dea o seu respaldo a conclusión da Rolda de Doha. Aseguran que a Organización Mundial do Comercio quere concluír esta xuntanza deixando de lado outras prioridades, como a pobreza no mundo, o quencemento global ou a débeda externa, para avanzar nunha liberalización comercial que só beneficiará ás grandes empresas transnacionais, afectando negativamente a traballadores, agricultores ou medio ambiente.

Estas organizacións retan ao goberno español a cambiar as regras internacionais de comercio e advirten que, do contrario, se incurrirá nunha violación dos dereitos económicos, sociais e culturais da maior parte da poboación nos países de desenvolvemento; se aumentará a privatización e desregulación crecente dos servizos; irase en contra da loita para frear o cambio climático e, en suma, os países máis empobrecidos serán os principais perdedores.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Comentarios (1)

Dogma #1 24/Xullo/2008 Dogma

UNHA vergonza é o que está a debate.... ¿comercio?... non explotación.

O único que temos visto cas baixadas de aanceis é que a explotación por parte das multinacionales aumentou esponencialmente a medida que estes baixaban.

Isto recordame a o caso da taxa Tobin, que pretendia facer un imposto ao movemento de capitais internacionais do 0.2% para acabar ca fame do mundo (de feito seguro que se acabava con ale con moito mais que a fame do mundo), ¿porque non se lebou adiante? polas mesmas causas que as multinacionais queren liberalizar o comercio da alimentación, para podeder seguir explotando á xente.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: