Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Din no seu informe da Economía Galega 2007

Segundo Caixa Galicia, a crise hase prolongar ben até finais de 2009

O sector da construción ha sufrir esta desaceleración que vivimos, e tamén as familias. Segundo o estudo, en 2007 finalizou o "ciclo expansivo" co que Galiza íarabuñando cara á converxencia.

Redacción - 09:30 23/07/2008

O director do Centro de Investigación Científica e Financeira (CIEF) de Caixa Galicia, Alberto Meixide, presentou esta terza feira en Compostela o informe da economía galega durante o 2007, que a entidade elabora dende o ano 1986.

Meixide salientou que o ano pasado foi, esencialmente un ano de tránsito entre a fin dun longo período de crecemento económico e o comezo da desaceleración, momento que estamos a vivir actualmente e que o director do CIEF non dubidou en denominar "crise".

Segundo este informe, e en palabras de Meixide, no 2007 finalizou na economía galega, un ciclo expansivo, no que nos fomos situando nunha mellor posición no proceso de converxencia co resto de Europa, ao tempo que igualábamos, en produtividade, a media española e faciamos un bo balance en termos de mercado de traballo, debido ao destaque dalgún sector, como o da construción.

Os problemas de Galiza
Mais, dende mediados de 2007 esta situación positiva foi chegando ao seu fin, e a ralentización da economía foise facendo, cada vez, máis intensa, dixo Meixide, de tal xeito que xa se comezou a falar de crise. Para manternos, deberíase, segundo Meixide, incentivar o comercio exterior (sobre todo cara zonas aínda non "conquistadas", como o mercado chinés, o indio ou o dos países que se incorporaron, nos últimos tempos, á UE).

Por outro lado, Meixide salientou que moitos dos problemas aos que non enfrontamos en Galiza son debidos á perda de poboación activa, se ben estes indicadores serven para facer baixar a taxa do paro, xa que a menos persoas en idade de traballar, menos parados.

Porén, Meixide terminou dicindo que deberíamos "abordar este novo escenario (o da desaceleración económica) cun certo optimismo", posto que estamos nunha "situación relativamente esperanzadora".

Aguantarán as entidades crediticias galegas esta crise?

O director do CIEF de Caixa Galicia salientou que o sector financeiro galego xa ten feitas as súas previsións ante esta nova situación, polo que "non debería haber incidencia relevante nas concesións de crédito" aos clientes dos bancos e caixas galegas.

Mais, pola contra, salientou que as economías domésticas van ser as máis prexudicadas neste período de desaceleración, posto que, aínda que en Galiza medrou a economía dende 2005, case sempre por riba da media estatal, e é, segundo Meixide, "previsíbel que este diferencial se manteña nos vindeiros trimestres deste ano, pero sempre en contextos de desaceleración", para as familias a cousa vai ser doutro xeito. O contexto é máis difícil para elas porque deberán facerlle fronte ao desemprego e ás tensións inflacionistas (a suba dos prezos, que virá acompañada de políticas claras de remodelación salarial), que elevará, aínda máis, o nivel de endebedamento familiar.

Vese xa a saída?
Para Alberto Meixide, os vaticinios do ministro de Economía español, Pedro Solbes, son, case sempre, atinados, e a súa última análise, que fala do ano 2009 como final desta situación de crise, é seguida polo directivo de Caixa Galicia. Aínda que, "cada día que pasa os diagnósticos se alteren", para Meixide a crise "prolongarase ben até finais do ano que vén".

Sería bo recortar as políticas incentivadoras do goberno español estando como estamos?
Meixide cre que é "difícil implementar simultaneamente todo o plan de medidas" que ten programado o goberno estatal, polo ue debería "haber unha selección", "restricións de tipo orzamentario".

Por outro lado, Alberto Meixide salienta que non se deberían subir os impostos para encher as arcas do Estado nesta conxuntura: "non está aí unha das vías de saída da crise, neste contexto de caída da demanda interna no que se debería incentivar as exportación en Galiza, como elemento compensador"

Se a construción foi a principal causante da aceleración, que vai pasar con este sector neste contexto de desaceleración?
Para Meixide non se van repetir, no futuro próximo, os factores que xeraron este boom inmobiliario. "o crecemento, unha vez que se produza, non vai basearse na forza da construción. Este será un sector que experimentará crecementos moderados".

No país, "a intensidade do shock inmobiliario será menos", porén, isto non quere dicir, salientou Alberto Meixide, "que non haxa problemas".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: