Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No Día de Galiza

Causa Galiza: "É máis necesario que nunca asumir e espallar unha conciencia crítica a respecto da realidade que nos rodea"

"Soberanía Nacional" foi o lema da faixa portada á cabeza da manifestación desta plataforma, que transcorreu en Compostela entre a Alameda e a Praza do Toural.

Redacción - 09:00 26/07/2008

Desde a plataforma soberanista, aproveitaron a xornada para reivindicar a necesidade de "asumir e espallar unha conciencia crítica a respecto da realidade que nos rodea". "Denunciar activamente as desigualdades sociais que presenta o omnipotente e omnipresente capitalismo, como sistema económico que ten, ademais, nas súas raiceiras a responsabilidade da privación da nosa soberanía, após máis de cinco séculos de opresión nacional", recollía o manifesto lido ao remate da marcha.

"Cómpre asumirmos a volta a unha resistencia activa e firme da nosa lingua, cultura, territorialidade, medio natural... como cerne dun proceso real de afirmación e autodeterminación nacional", afirman desde Causa Galiza. Os colectivos que apoiaron esta marcha entende que Galiza pode ser unha das nacións onde máis zoupe a crise económica, nun contexto onde denuncian que se proxecta "a sombra da especulación, do urbanismo sen control, do uso e abuso do noso litoral, da aplicación de políticas enerxéticas megalómanas, da perpetuación, en definitiva, da nosa condición subalterna e de pobo oprimido".

Nese escenario, defenden a consecución do "recoñecemento legal da nosa realidade nacional e dun grao de benestar só é posíbel a partir dun cadro xurídico-político propio". Segundo Causa Galiza, é un paso necesario para resolver "as carencias, eivas e impedimentos que a relación subordinada ao Estado español proxecta sobre as nosas posibilidades reais de desenvolvemento social, económico e cultural".

Por outra parte, desde a plataforma consideran un "éxito" o aumento de asistencia á concentración, respecto ao ano pasado, asegurando que "cerca de 2.500 persoas acudiron á manifestación".


4.76/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: