Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Herdanza do último treito do PP no Goberno

Concesións irregulares e agresións ao medio: feixe de anomalías na minicentralización

Concentración de concesións en poucas mans sen existir concorrencia real, declaracións de impacto medioambiental con informes desfavorábeis que foron ao caixón ou que ocultaron outros proxectos para a mesma bacía... O Consello de Contas achega máis datos.

R.N - 09:30 31/07/2008




Realizáronse informes medioambientais sobre aproveitamentos hidroeléctricos considerando a estes coma se fosen o único na mesma bacía, cando en realidade existían outros na mesma área, solicitados simultaneamente, pero que paradoxalmente non se tiñan en conta. Velaí unha das reviradas irregularidades atopadas polo Consello de Contas, que tamén denuncia que noutros casos a existencia de informes desfavorábeis asinados pola dirección xeral de Montes e Medio Ambiente non foi obstáculo para que a Xunta emitise declaracións de impacto ambiental en favor de proxectos "claramente" incompatíbeis co estabelecido en normas como a Lei de Pesca Fluvial.

Por riba, e malia que a lexislación estabelece que as concesións deben privilexiar as propostas máis sensíbeis coa protección do contorno e cun uso máis racional da auga, a actitude de Augas de Galicia nese tempo era outorgar as concesións primando directamente o potencial enerxético aínda que se xerasen agresións ambientais maiores. O estudo do Consello de Contas pon en dúbida ademais a necesidade de outorgar tan alto número de concesións para minicentrais, tendo en conta "as afeccións medioambientais, degradación de fauna e flora", a ocupación do medio durante longos anos e a situación excedentaria do país neste ámbito enerxético.

O privilexiado Castro Valdivia e a conexión Vázquez
O Consello de Contas repara tamén na concentración de adxudicacións no nome de Luís Castro Valdivia. Até nun 60% dos casos se trataba de empresas coas que esta persoa estaba total ou parcialmente relacionado. Trátase dunha pegada que xa anteriormente saltara ao primeiro plano, xa que Valdivia é cuñado do que até o cambio de goberno en xullo de 2005 era director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ramón Ordás.

O fío leva ademais nunha das súas derivacións até o ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, xa que unha das empresas que obtiveron cota neste escenario foi Hidroeléctrica del Arnoya, creada no seu momento por Castro Valdivia xunto con outro socio, e na que despois entraría o presidente da patronal galega, Antonio Fontenla, quen posteriormente lle daría paso á sociedade Iglevaz, que el mesmo fundara, e controlada pola muller do ex rexedor herculino. A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia imputoulle posteriormente a Ramón Ordás un delito de tráfico de influencias por esas concesións de minicentrais a prol do seu cuñado e mais por concesións similares pero no ámbito da enerxía eólica.

Esquivando as recomendacións en concesións cheas de sombras
O informe do Consello debulla a galería de transferencias irregulares nas concesións, moitas ao pouco de térense outorgado os aproveitamentos hidroeléctricos, e feitas sen exposición pública e introducindo modificacións para as que non se realizou novo informe ambiental.

O estudo repara por exemplo no caso do Concello de Ourol, que solicitou como administración varias minicentrais que lle cedeu despois a unha empresa municipal de capital integramente público, Hidroeléctrica de Ourol SL. Paradoxalmente, o goberno local permitiu que esa empresa fose absorbida por unha privada a través dunha ampliación de capital. O fío desta última compañía vai parar unha vez máis a Luís Valdivia, nun proceso onde o Consello de Contas avisa de que a concesión "perdeu todo o seu fundamento".

A análise do Consello de Contas atopou por exemplo que nun dos casos, apenas seis días despois de emitirse un informe en favor dunha concesión no río Landro a Hidroeléctrica de Ourol SL, a empresa municipal antes mencionada, esta cedeu por 600 euros todos os dereitos a unha empresa privada, Sociedade Lucense de Energía Hidráulica y Eólica SRU, constituída apenas catro días antes. Unha empresa que, di o informe, "ten unha carencia absoluta de solvencia técnica e financeira".

Regalo ás concesionarias: non se esixía o canon
O Consello tamén lembra que en informes nos anos 1997 e 2000 xa instara a administración a ser rigorosa no estudo do impacto ambiental dos aproveitamentos hidroeléctricos, propoñendo que se realizase un plan global que servise de instrumento para corrixir o descontrol. En 2001, o Consello da Xunta asina, con Manuel Fraga á fronte, un Plano Sectorial Hidroeléctrico que non atende a esa recomendación.

Outra recomendación esquivada atopouse ao ver que non se lles esixiu ás empresas o tributo que grava a ocupación e utilización do dominio público. Recorda o informe do Consello de Contas que dados os amplos beneficios privados obtidos da utilización deste recurso natural, e tidos en conta os custos sociais das minicentrais, non hai razón para que Augas de Galicia non esixa un canon pola utilización do dominio público hidráulico.


4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: