Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis paus ás infraestruturas do tren

Á sombra do TAV continúa a degradación dos servizos ferroviarios

A eliminación de traxectos entre A Coruña e Barcelona e Ferrol-Madrid únese ás vías levantadas, paradas suprimidas e materiais obsoletos da rede en Galiza.

Redacción - 18:00 31/07/2008

Mentres o debate público parece centrarse unicamente en que vai pasar coa liña do tren de alta velocidade, o TAV, e en se a vía que unirá Galiza con Madrid estará operativa ou non en 2012, á sombra desa polémica as infraestruturas ferroviarias do país seguen esmorecendo.

Así o consideran desde a Federación de Transporte de Comisións Obreiras, CCOO, denunciando a intención de Renfe de suprimir novos servizos. Os últimos, o traxecto diúrno A Coruña-Barcelona e Barcelona-A Coruña e o tren expreso Ferrol Madrid. Desde CCOO consideran que o debate sobre a alta velocidade é importante, pero subliñan que de ningún modo debera tapar outras prioridades do sistema ferroviario en Galiza. Ademais, sinalan a "inutilidade" da lea sobre a data de 2012 para esa chegada do TAV, un prognóstico que a día de hoxe, "é practicamente imposíbel de cumprir".

Así, e mentres a atención vai para o TAV, segundo explica para Vieiros o secretario xeral desta Federación de Transporte, Ramiro Otero, Galiza segue perdendo o paso, quedando sen infraestruturas, con vías de tren levantadas, paradas eliminadas "e de paso recibindo material obsoleto e en desuso" con respecto ao que se envía á rede ferroviaria doutros puntos do Estado.

Otero advirte de que os traballadores teñen constancia da previsión que a empresa manexa de eliminar estes novos traxectos entre os próximos meses de setembro e novembro e pide o compromiso das administracións para evitar que iso aconteza. Critica que se trata dunha decisión que non só lle afecta ao colectivo de traballadores, senón que ten un forte impacto nun área metropolitana onde o esforzo a prol do tren esmorece malia o valor que tería para a zona. "Non hai esforzo nin peso político", láiase Otero ao respecto do futuro do tren en Galiza, sinalando a nivel estatal outras áreas mesmo con menos habitantes están recibindo investimentos para o reforzo de servizos de proximidade que en Galiza non existen.

Sen aumento de prazas no verán malia o incremento da demanda
A protesta coincide coa demanda que o BNG lle achegou este xoves ao Ministerio de Fomento pedindo o reforzo dos trens de longo percorrido en Galiza fronte ao aumento de demanda nos meses de verán. "O previsíbel aumento de demanda nesta época vacacional nunca resulta compensado por Renfe cun incremento da oferta", queixouse Francisco Jorquera, voceiro do Bloque no Congreso.

Jorquera recordou que Galiza xa é unha das zonas do Estado con menos servizos ferroviarios de longo percorrido, e paradoxalmente, Renfe permanece allea á "habitual saturación e colapso" na venda de billetes nestes meses. "Por que non aumenta o número de vagóns e por tanto a oferta de prazas?", pregúntalle Jorquera ao goberno español.


5/5 (4 votos)


Comentarios (4)

ulo #1 31/Xullo/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Jorquera deixate de tonteria. XA ESTA BEN DE BNG É DOBLE MORAL.
Mentras pechaban Portas, o BNG estaba.... en Zamora exixindo o AVE.
Mentras Jorquera exixia prazos para o AVE e unha comision de Seguimento, non se ten as mesmas exixencias para o tren de proximidades, que só merece unha preguntiña no parlamento.
Mentras desmantelan o tren na Galiza, o BNG fai eixo no 2012 para o AVE.
O AVE, sres do BNG, por si non o sabedes, é a MORTE DO TREN na Galiza. Defender o AVE é defender a Morte do Tren.
Que o PP e o PSOE fagan o que fan, é loxico, non coñecen outra politica que a das grandes constructoras e o centralismo... Mais que o BNG faga a mesma politica, e compita con eles a ver quen berra máis polo AVE, clama o ceo.
Por este camiño, para que queremos BNG se xa temos PSOE "galeguizado", ou PP "galeguista".
O país é a xente do país. A xente que fica sen tren en Portas, Cerceda, .... Que vai quedar sen tren en Culleredo, Cambre ou Betanzos... Porque a proxima é a liña Coruña Ferrol, e senon o tempo.
E por ultimo... Si queredes facer algo dende a Xunta, que para iso sodes parte dela, aplicar o Estatuto de Autonomía onde se recolle ás competencias en materia ferroviaria. Despois de catro anos para facelo, e non fixechedes nada.
Eso si concentracions polo AVE en Zamora sí.
A ista paso, do BNG non vai quedar nin o recordo.

Scaaveiro #2 31/Xullo/2008 Scaaveiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O que a Galiza precisa é uma rede de convoios interior com estações nas cabeceiras de comarca e nas vilas de máis de 10.000 habitantes e depois uma boa união com Madrí e com Portugal por TAV. Não há nada por inventar.

Mas falta dinheiro, auto-governo, vontade e gestores competentes.

molondron #3 31/Xullo/2008 molondron
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Cando hai anos comezamos con todo este asunto do TAV, houbo unha plataforma veciñal dos concellos de Trazo e Oroso que vían ver a desfeita do tren "de velocidade alta" e o que supuña para os aldeas que tiñan paradas neses concellos.
Desde as propias administracións municipais e, mesmo moitos dos veciños, dicían que "para que queremos o tren se agora cos carros solucionamos todo".
Lóxicamente, ante este "éxito" a plataforma desfíxose e esas paradas foron das primeiras de ser eliminadas alo polo 2002-2003.
A que veñen agora estas reivindicacións hipócritas? Onde estaban daquela os veciños de Portas? (disfrutando seguramente dos seus "maravillosos carros" á porta da casa) Onde estaban daquela os concellos das provincias coruñesas e pontevedresas que non dixeron nada (Trazo, Ordes, Coruña, Caldas de Reis, Soutomaior, Redondela...) Onde estaban daquela as dúas(ou catro) deputacións provinciais? E o papel da Xunta daquela?
Así vai todo...

molondron #4 31/Xullo/2008 molondron
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Cando hai anos comezamos con todo este asunto do TAV, houbo unha plataforma veciñal dos concellos de Trazo e Oroso que vían ver a desfeita do tren "de velocidade alta" e o que supuña para os aldeas que tiñan paradas neses concellos.
Desde as propias administracións municipais e, mesmo moitos dos veciños, dicían que "para que queremos o tren se agora cos carros solucionamos todo".
Lóxicamente, ante este "éxito" a plataforma desfíxose e esas paradas foron das primeiras de ser eliminadas alo polo 2002-2003.
A que veñen agora estas reivindicacións hipócritas? Onde estaban daquela os veciños de Portas? (disfrutando seguramente dos seus "maravillosos carros" á porta da casa) Onde estaban daquela os concellos das provincias coruñesas e pontevedresas que non dixeron nada (Trazo, Ordes, Coruña, Caldas de Reis, Soutomaior, Redondela...) Onde estaban daquela as dúas(ou catro) deputacións provinciais? E o papel da Xunta daquela?
Así vai todo...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: