Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TRAS O ANUNCIO DA PRIVATIZACIÓN DE AENA

Quintana pide a transferencia dos portos e aeroportos galegos

Para o voceiro nacional do BNG sería o primeiro paso de cara a un 'plan de aeroportos' no país.

Redacción/ EP - 10:39 03/08/2008

Despois de que o goberno español anunciase a súa intención de privatizar a entidade Aeroportos Españois e Navegación Aérea (AENA), o vicepresidente da Xunta e Voceiro Nacional do BNG, Anxo Quintana, declarou que "creo que non é unha solución no camiño acertado, non tanto pola privatización en si, que sempre é discutible, senón porque para Galicia a vía para que os aeroportos xoguen un papel vertebrador no país, un elemento fundamental para a dinamización económica, pasa por un traspaso competencial dos portos e aeroportos de interese xeral á comunidade".

Así, considerou a transferencia como un "primeiro paso necesario para ter un plan de aeroportos que permita a coordinación e a complementariedad dos portos galegos" co fin de que o seu funcionamento "estea encadeado no proxecto de desenvolvemento do país e na súa necesaria comunicación co exterior".

"Cando os aeroportos estean en mans galegas, debemos ser os galegos quen decidamos cales son os mellores mecanismos para que cumpran estes obxectivos", aseverou o vicepresidente e engadiu que "non é o camiño adecuado" que o Estado non os traspase e "que proceda a decidir unha forma de xestión discutible". "Resulta sorprendente que o Estado non sexa capaz de transferir unha competencia como os aeroportos a Galicia e, con todo, sexa capaz de transferir unha titularidade ás empresas privadas", sentenciou.

Tamén o Grupo Parlamentario do BNG pediu hoxe a transferencia a Galicia dos aeroportos e portos do Estado e cualificou de "moi pouco progresista" a privatización de AENA. Así, o portavoz do Grupo do BNG, Carlos Aymerich, recordou que esa transferencia á Administración galega recollida na proposta "de novo Estatuto de nación" permitiría "articular unha política coordinada, que evitase a competencia entre os aeroportos galegos, aproveitaría sinerxías e permitiría máis conexións entre Galicia e o exterior, sen ter que pasar obrigatoriamente por Madrid".


4.14/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: