Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
O próximo 25 de agosto

Logo de anos de leas o PXOM de Vigo entrará en vigor en vinte días

O rexedor, Abel Caballero (PSOE), e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez (BNG), prognostican que será un impulso clave para a economía da cidade.

Redacción - 19:30 06/08/2008


Esta cuarta feira coñecíase a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. Deste xeito, estará en vigor desde o próximo 25 de agosto.

O alcalde, Abel Caballero, destacaba esta cuarta feira que se trata dun documento "blindado contra oportunistas xurídicos", advertindo de que, á diferencia do que considera que aconteceu no pasado, non haberá fendas para a impugnación de aspectos concretos en favor de "beneficios particulares". Na opinión do rexedor, a nova planificación será garantía dunha cidade "igualitaria", con aumento da calidade de vida e a garantía de até o 43% de vivenda protexida e "libre de especulación". Por outro lado, Caballero salientou que o plan chega nun momento clave, no medio dun escenario de crise económica, no que entende que o proxecto servirá de marco para o relanzamento da construción privada e pública, e a reactivación da economía e o emprego.

Da mesma opinión foi o tenente de alcalde do Concello, Santiago Domínguez, quen expresou a súa satisfacción pola próxima entrada en vigor do PXOM e recordou que a tramitación foi iniciada polo ex alcalde nacionalista Lois Pérez Castrillo. O edil nacionalista subliñou que o PXOM será un instrumento decisivo para impulsar a economía da cidade e a súa planificación futura. Por outro lado, insistiu na "coherencia" do grupo municipal do BNG ao respecto do documento urbanístico durante o seu debate e elaboración.

Queixas de promotores, veciños e do PP local

O presidente da Asociación de Promotores Inmobiliarios, Xavier Garrido, considerou, en declaracións a Europa Press, "positiva" a publicación definitiva e entrada en vigor do PXOM, aínda que matizou que "é obvio" que non é o que os promotores desexaban. Advertiu de que o escenario económico de crise non favorecerá grandes desenvolvementos urbanísticos e pediu ao respecto a cooperación de Xunta e entidades financeiras para permitir o despregue de proxectos.

Por outra parte, desde a Federación de Asociacións Veciñais, o seu voceiro de Urbanismo, Antón Sánchez, lamentou que o alcalde ofreza agora a súa "man tendida" ao movemento veciñal e non o fixese antes, e apuntou que "se quere colaboración debe recibir primeiro aos representantes da Federación, xa que aínda non o fixo dende que é alcalde".

Mentres, desde o grupo local do PP, o edil Xosé Manuel Figueroa, teimou nas críticas realizadas ás modificacións introducidas no documento que, na súa opinión, o fan "inviábel técnica e socialmente", xa que, asegurou, "castiga aos barrios e parroquias do rural".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: