Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os ecoloxistas critican os "falsos compromisos"

Atrasos inxustificados e buratos na Rede Natura ao servizo do empresariado

Adega pregúntalle ao conselleiro de Medio Ambiente se perdeu "a vergoña e a seriedade" e reclama unha proposta de ampliación dos espazos protexidos.

Redacción - 17:30 12/08/2008

A proposta de ampliación da Rede Natura, media ducia de veces vendida pola consellaría de Medio Ambiente aos medios de comunicación, aínda non é unha realidade e semella que vai ter que agardar. A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) cuestiónase como se vai xestionar esa suposta ampliación de espazos protexidos que, ás portas da finalización da actual lexislatura aínda non é unha realidade. "E veremos na próxima...", agoiran os ecoloxistas.

O plano de ampliación cubriría a eiva histórica de Galiza en canto a territorio protexido, fronte ao actual 11,9% do territorio galego baixo a figura da Rede Natura 2000, a superficie máis baixa do conxunto do Estado, lonxe da media estatal do 25,5%. Adega denuncia que "dende a consellaría se perdeu a seriedade e a vergoña ao empregar os espazos protexidos como elemento de troco cos planos sectoriais acuícola, eólico, hidroeléctrico e de portos deportivos".

Dende Adega denuncian que esta demora na aprobación das propostas de ampliación da Rede Natura galega até o 18,3% débese ao feito de que "a protección dos espazos naturais non se fai atendendo a criterios ecolóxicos, senón económicos". E sería precisamente por isto mesmo que o Plano de Ordenación do Litoral que Política Territorial aínda non ten listo amosa uns significativos ocos e esquecementos que "nunha primeira proposta aparecen protexidos para logo descatalogárense misteriosamente aló onde se han colocar infraestruturas de tipo acuícola e eólica".

Dende Oia a Ribadeo

A pesares de contar con valores naturais para protexer eses espazos, non hai interese "nin vontade política" para o facer, segundo critican os ecoloxistas. As ampliacións da Rede Natura que propón Medio Ambiente entre Oia e Ribadeo presentan os "oportunos ocos estratéxicos" fora da protección para encaixar as macropiscifactorías. É o caso da zona protexida LIC Castro de Oia, a piscifactoría Punta da Laxe Brava en Corrubedo, as zonas de Merexo, Quilmas, Arou e as piscifactorías do Corvo en Ribadeo e a de Camelle.

Por este motivo, desde Adega insisten na importancia da ampliación da Rede Natura e piden que os planos se fagan ao servizo da necesidade de protección dos espazos e non, ao revés, en beneficio dos diversos sectores empresariais interesados en arramplar con determinados espazos. Dese xeito, o atraso "inxustificado" dos compromisos repetidos desde a Xunta sobre esa ampliación da Rede Natura, é visto desde o ámbito ecoloxista como exemplo de que o actual Goberno estaría permitindo a estratexia de "feitos consumados" da que acusan de tirar proveito ao empresariado durante a anterior etapa de goberno.


Ligazóns

4,67/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: