Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Greenpeace pide máis colaboración cidadá

Os lumes máis grandes rematan sen castigo malia aumentaren as condenas a incendiarios

Só un de cada mil incendiarios son xulgados, aínda que Galiza, onde se producen a metade dos lumes do Estado, rexistra o maior número de condenas.

Redacción - 18:00 12/08/2008
Capa do informe

Capa do informe

A organización ecoloxista internacional, Greenpeace, presentou un informe ao que titularon Incendios Forestais, a fin da impunidade?, no que analizan se un dos maiores problemas ambientais aos que se enfronta o Estado Español ten unha acertada resposta xudicial, isto é, se os incendiarios acaban pasando polo xulgado. Neste sentido, o texto conclúe que, pese aos avances, os incendios forestais son, neste Estado, aínda hoxe un delito impune, posto que só un de cada 1.000 responsábeis de incendios forestais acaba sendo xulgado.

En Galiza a cousa é doutro xeito. Aquí é onde se desenvolven a metade dos incendios forestais que se producen anualmente no Estado Español e (segundo a base de datos do Centro de Documentación Xudicial, acrecentada dende a reforma do Código Penal de 1995 e até o 2006), tamén é aquí onde existe o maior número de sentenzas por delito de incendio forestal (53) e o maior número de sentenzas condenatorias (46). Á organización ecoloxista chámalle a atención a ausencia de sentenzas relacionadas cos grandes incendios forestais (os que afectan a superficies que miden máis de 500 hectáreas).

Un traballo que aínda ten moito que mellorar
En Galiza prodúcense unha media de 10 mil incendios ao ano (a metade dos 20 mil que se desenvolven no Estado) mais,segundo Greenpeace, os esforzos feitos polas fiscalías de Medio Ambiente para aplicar o Código Penal foron mellorando -"hai unha maior e mellor investigación das causas e motivacións e, por fin, hai profesionais dedicados á obtención de bos elementos probatorios", contan no informe-. Aínda así, o responsábel da Campaña de Bosques da organización, Miguel Ángel Soto, asegurou, na presentación deste informe, que, "pese a estas boas noticias", a relación entre o elevado número de incendios e as condenas é "aínda demasiado pequena".

Para mudar isto, Greenpeace defende que a vía penal non debe ser nin a única nin a principal ferramenta para previr os incendios, pois tamén se deben ter en conta as apelacións constantes á colaboración cidadá (para identificar e poder axuizar aos incendiarios); dotar aos fiscais de medios abondos para realizar as súas investigacións (para evitar que os casos se sobresean por falta de probas); reforzar o papel das fiscalías de Medio Ambiente (sobre todo, na función preventiva) e realizar un seguimento dos procesos abertos, creando un rexistro sobre a resposta penal.

"No debemos acostumarnos o considerar normal que se descoñeza a orixe do 40% dos incendios que se producen (...) O castigo aos responsábeis dos grandes incendios forestais debe ser exemplarizante para evitar que se produzan".


5/5 (1 votos)


Comentarios (2)

crunha #1 13/Agosto/2008 crunha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Éche o de sempre, a xente pide que se incrementen os castigos. E aínda que hai veces que pode ser necesario, o realmente importante é mellorar a prevención e a persecución dos delitos.
Que importa que se aumenten os anos de prisión por queimar un monte, se non se colle ao incendiario?

Tarelo #2 13/Agosto/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non coñezo o informe e o mellor quen redactou esta nova, desenfocou o tema ou Green Peace insiste demasiado e castigar os culpables como a solución os incendios.

Eu penso que o problema é o abandono do rural, o desprezo polo medio ambiente (non pola ecoloxía, senón polo valor dos recursos naturais). Moita xente que hoxe vive nas cidades e vilas procede do rural, son propietarios de fincas que xa non traballan deben traballar a maioría dos días da semana en fabricas, oficinas, empresas, etc e van a aldea nas fins de semana no mellor dos casos ou nas pontes, vacacións, e festas. Case ninguén está disposto a romper o lombo a fin de semana despois de romper o lombo toda a semana, e así as finca quedan a monte, nace crece e se reproduce oq ue a natureza da, pero sobre todos algúns moi intelixentes deronse conta que o eucalipto é unha especie que se propaga facilmente, apenas crece sotobosque baixo a súa sombra, crece moito en poucos anos, podelo cortar entre os 10 e os 20 anos, e ainda que arda o monte o eucalipto segue adiante coma si nada, así que sen moitas gañas de coller unha desbrozadora ou pasarse a tarde sentado nun tratctor desbrozador, ou pagarlle a alguén por facelo, algúns pensan que cun chisqueiro aforranse moitos custes de manbtemento dun eucaliptal, e veña . . . Por outra parte, cada día os custes de mantemento, de producción etc. no mundo rural e forestal son maiores, e os prezos das materias primas baixan (tamén o eucalipto) así, non fai falta darse conta que o monte se da algo hai que facer trampas, ou ir o practico, por outra parte en calquer lugar se educa a xente para que o único que conte sexa "o carto" facil e rápido. Está mal visto iso de darlle tempo a natureza a que se recupere, de plantar árbores de crecemento lento, de manter un equilibrio boilóxico, de que o monte sexa de utilidade para os humáns os animais ou as especies florais.

Despois tamén creo que algúns/as incendiarios teñen algúns problemas psicolóxicos, provocados por un ambiente social hostil. A sociedade está enferma, eu non entendo desto, pero penso que hai certas circunstancias que influen na piromanía. Eu creo que a educación, a deslocalización (emigración), a capitalización dos recursos, a inxustiza, etc. influen na proliferación de individuos incendiarios e destructivos.

Despois tamén dende as esferas políticas e económicas se lles está dando, en mome do progreso, demasiada importancia o formigón, o asfalto, o recheo, as minas, as urbanizacións e moi pouca importancia ou desprezo ós valores naturais. A Natureza para os políticos e capitalistas é unha oportunidade de negocio e non dubidan en explotalo, ainda que sexa para sempre e nunca máis outros poidan empregar o mesmo recurso para seguir creando riqueza (economía sostible).

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: