Vieiros

As linguas suman
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FICHEIRO ILEGAIS

A Fiscalía resístese a investigar de oficio o escándalo policial de Sada

A pesar da existencia de datos de menores, o ministerio público limítase a recomendarlle ao goberno local que presente denuncia se ten indicios de delito.

R.Vilar - 12:30 19/08/2008
Escudo do Concello de Sada

Escudo do Concello de Sada

Mentres a Fiscalía non acaba de decidirse a investigar de oficio o último escándalo policial acontecido en Sada, o caso dos ficheiros ilegais elaborados polos axentes non deixa de complicarse. Os primeiros datos revelan que entre os “fichados” tamén hai menores de idade. O ministerio público parte da premisa de que polo de agora se trata dun asunto administrativo e que unha vez o consistorio investigue os feitos pode presentar unha denuncia se considera que hai probas de delito.

Outra das grandes incógnitas por resolver é o significado das cores existentes nas tarxetas de identificación (dous tons verdes diferentes e un laranxa). Mentres hai quen pensa que isto pode ter relación con algunha clave de identificación política (os axentes teñen fotografado plenos e manifestacións) outros sospeitan que as cores poden estabelecer unha distinción entre os fichados (por exemplo, aqueles que contan con antecedentes policiais ou os que os teñen penais).

O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) fixo público este martes un comunicado no que lamenta que a Fiscalía non actúe de oficio nun caso desta entidade. A asociación sinala que, se nos vindeiros días a Fiscalía segue sen tomar medidas, van presentar unha denuncia formal para que se abra a investigación xudicial. Núñez destacou a disposición do goberno local a investigar o sucedido, algo que aseguran non é nada habitual nestes casos.

Polo de agora, o Concello de Sada vén de abrirlle un expediente disciplinario ao inspector xefe da Policía Local, Xosé Pedreira Iglesias, e ao responsábel da Unidade de Seguridade Cidadán, Xoán Carlos Arias Rodríguez. Este último departamento composto por oito axentes era o que se encargaba das quendas de noite. Nas súas dependencias estaban gardadas as fichas ilegais. O expediente disciplinario débese a que Pedreira Iglesias e Arias Rodríguez acusaron ao goberno local de fabricar probas falsas contra eles.

E o amor marchou co cambio de goberno...
Dende que nacionalistas e socialistas accederon ao goberno local en xuño do ano pasado (un mes antes o BNG conseguiu ser a forza máis votada nos comicios) as relacións con algúns axentes, especialmente co inspector xefe e co responsábel da patrulla de noite non foron especialmente boas.

As razóns para as desconfianzas mutuas veñen de lonxe. Os opositores ao polémico alcalde Ramón Rodríguez Iglesias, 'Moncho é moito', sempre viron con suspicacia as estreitas relacións entre algúns axentes e o sempiterno rexedor, que controlou con man de ferro o concello dende as primeiras eleccións de 1979. Ás denuncias polos continuos 'pelotazos' urbanísticos acabaron por facer coñecida a Sada durante a década dos 80 e 90 como a “Marbella galega”. Por se isto fose pouco, o propio rexedor daba boa conta das súas querenzas políticas ao recoñecer que tiña a Franco colgado nas dependencias que ocupaba no consistorio.

A oposición acusaba daquela a 'Moncho é moito' de crear na Policía Local unha especie de 'garda de corps'. Nos últimos tempos, o rexedor converteu Sada no 'paraíso policial' do país. Un concello de 13.600 habitantes contaba con 21 axentes municipais, ou o que é o mesmo: un policía cada pouco máis de 600 veciños. O control que exercía 'Moncho' era tal que algúns veciños aínda lembran que durante algún tempo os propios axentes eran os encargados de deixarlle a prensa na casa ao alcalde.

Entre a veciñanza sadense hai quen asegura que era evidente que algúns axentes da Policía Local se excedían nas súas funcións. E aínda que hai quen fala das formas demasiado "expeditivas" de certos funcionarios, o certo é que non consta a existencia de ningunha denuncia xudicial ou administrativa a este respecto.


5/5 (12 votos)

Comentarios (10)

ulo #1 19/Agosto/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non séi se estades o tanto das detencions de membros do PP das Baleares, depois de tan só catro anos no goberno das illas.
Ben.... se o PP nas Illas Baleares fixo a que fixo.... e na Galiza, logo do que se sabe da Cidade da Cultura, das minicentrais, das concesions nos meses antes da chegada do bipartito a Xunta, do peche sen responsabilidades penais o atentado do Prestiged, etc, e non houbo nengunha detencion, é que na Galiza algo cheira a podre, como en Dinamarca.
Teño a sensacion de que o sr Fraga, como bo alumno do seu admirado Franco, deixou todo "atado e ben atado"; é dicer, pactou coa nova Xunta que non houbera responsabilidades penais.
E como non vai a estar no pacto un dos mellores aliados de Fraga, "Moncho es mucho".
A fiscalia na Galiza no vai denunciar a ninguen.... todo fixose moi democráticamente, e os corruptos, coa complicidade da Xunta, non só son hoxe a oposición, senon que mesmo falan de pactar co BNG.
Que manda carallo!!!

Atlantico #2 19/Agosto/2008 Atlantico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Da gusto ter unha fiscalia así, cando foi a oleada de incendios faltoulles tempo para dicir que non había "tramas incendiarias", logo de producirse 2000 incendios en duas semanas.

Atado e ben atado.

Garrano #3 19/Agosto/2008 Garrano
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ulo, en Baleares cheira a Europa mediterranea, na Galiza cheira a colonia atántica. Nós ainda non vivimos nun sistema político democrático. Vivimos nun apaño colonial que ainda é unha mascarada onde as cousas se van homologando ao que se entende por democracia occidental moi paseniñamente. O que aconteceu cos incendios hai 2 aniños foi un bo reflexo disto, se a fiscalía chega a intervir en veras, o tingladillo politico-colonial español viñase abaixo e iso non podía ser. A fiscalía na Galiza ainda que teñamos un fiscal que sica fala galego e bla bla bla, pouco vai facer e o que cumpre é dicirlle e explicarlle a xente que a democracia non é un sistema que se estableceu aquí dun dia para outro se non que ainda hai moito que camiñar, e que teña en conta até o mais inxenuo bempensante que o primeiro interesado en que na GZ a democracia non evolúa é o E. Español. Neste caso concreto se a Conde Pumpido lle dera a real gana aqui teriamos outro proceso aberto de corrupción policial coma os houbo en Marbella e máis en Coslada. Entrementres seguimos cheirando a fedorenta colonia.

ulo #4 19/Agosto/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Se é certo que o problema é que Galiza é unha colonia -teño as miñas dubidas de seren unha colonia, mas admitamoslo-, porque o BNG ten un acordo cos cipaios -así era como lles chamaban aos psdgas ou os pperos na India colonial-, e non rompe xa con eles.
Ghandi nunca estivo nun goberno cos cipaios.
O problema é máis profundo, é que ha un acordo politico entre todas as forzas para non remover o tema. Que Galiza sexa ou non sexa unha colonia, é marxinal para isto. O decisivo é que ninguen, nin dende o poder xudicial nin dendo politico quere investigar e chegar o fondo.
Lembremos o triste final da comision do Prestige e o consenso entre todos para non exixir responsabilidades.
O fiscal só fai aplicar a mesma loxica a algo que non é nin de lonxe tan grave como foi o do Prestige.

Hermerico #5 19/Agosto/2008 Hermerico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O Sada nom é mais do que se passa com todo o estado. A mafia policial de Sada nom fai mais do que as forças represivas estatais no seu ámbito. E o procuradoria pública está interessada em perseguir de ofício outros assuntos bem diferentes. Nada novo no reino do botijo. O que desentona é o alcalde. A quem se lhe ocurre nom adaptar-se ao funcionamento desta democracia de baixa intensidade! Que aprenda da sua colega no parlamento espanhol, que se uniu estusiasta ao linchamento d@s moç@s agredid@s pola escolta da fascista vasco-espanhola na faculdade de económicas de Compostela.

asterix #6 19/Agosto/2008 asterix
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por moito que o intenten NON NOS VAN CALAR!!!

Entra na nova web do sector maioritario de Terra Galega:

http://www.terra-galega.org

Garrano #7 19/Agosto/2008 Garrano
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Heremerico, ulo leva razón, o que pasa aquí non pasa noutrures, se isto de Sada chega a acontecer en Andalucía, ou sexa, ser xa de domino público con prensa e todo de por medio, pois xa habería un proceso aberto. Aquí en Galiza non! Aquí non se dan as mesmas garantías xuridicas ca no resto do estado e sen ir máis lonxe, un mamoneo coma o que temos co do voto dos non-residentes nin de coña acontecería en calqueira outra das "autonomías". O BNG acahanta porque non é un partido, se alguén quere ir de valente ten que ver con quen carallo conta e os partidos que realamnete hai no seu interior din que son outros os que teñen a tixola pola asa e pasan de todo, a UPG a primeira que di non ter poder para as cousiñas nas que fai falla ter un par, agora para facer as de Diosescristo dentro da frente ou nos chiringos gubernamentais que xa controlan, que ninguén de dentro ou de fóra lle levante a voz. E se non che gusta o que hai, pois apuntate a un dos chiringuitos satelites da propia UPG para facer política "á esquerda deles". Isto é o que temos hoxe, un grande montaña de merda.

Atlantico #8 19/Agosto/2008 Atlantico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bueno, digamos que hai mafias e mafias, unha cousa é que un alcalde do PP-PSOE faga do seu concello o seu cortixo e teña de sicarios a policia local, algo que pode pasar en calqueira parte do Estado, e outra cousa é o caciquismo estructural, a mafia do Estado que discrimina paises coma o noso para telos no atraso e no expolio económico, aqui é onde podemos situar as mafias incendiarias e os reditos da madeira queimada, a fraude electoral na emigración ou os subsidios fraudulentos a prensa galega progubernamental.

Tino #9 20/Agosto/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A fiscalia, ainda q depende do Fiscal do estado en última instancia está intimamente ligado aos delegados do governo, neste caso en Galiza.
Haberia q comezar a investigalo a el e o seu contorno.
A fiscalia akí deixa moito q desexar, pero cargan e avisan da carga polos medios cando hai manifestacións, mentres en catalunya e país basco andan co rabo antre as pernas.

Seica vai facer falta outra revolta irmandiña, e desta vez irá a vencida: independencia total.

maqas #10 20/Agosto/2008 maqas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: