Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
campaña conxunta

Contra a mudanza climática, ecoloxistas en Samil

Xornadas informativas organizadas por Ecoloxistas en Acción e o colectivo Verdegaia para explicar en que consiste, como inflúe e como evitar o impacto ambiental.

Redacción - 11:25 29/08/2008

Chega a Vigo na última fin de semana de agosto a campaña “Non queremos naufragar! En Acción perante a Mudanza Climática” que leva a cabo Ecoloxistas en Acción en todo o estado e que conta co apoio de Verdegaia en Galiza. A campaña pretende informar sobre os impactos da mudanza climática na costa e sobre as posíbeis medidas de prevención. Consiste nunha serie de actividades de sensibilización os días 30 e 31 na praia de Samil (Vigo), onde se instalará unha pequena carpa para informar aos achegados. Haberá unha exposición e tamén actividades lúdicas para nenos e nenas.

A mudanza climática é un fenómeno que poucas persoas poderían explicar en que consiste, como inflúe ou como poderían evitala. A comunidade científica cualifícao como o problema máis grave e amplo ao que se enfronta a Humanidade, polo que se fai necesario un coñecemento do mesmo e pór en marcha as medidas necesarias para frealo.

As zonas máis vulnerábeis á mudanza climática son as costeiras, pola gran incidencia de impactos como o aumento da temperatura e suba do nivel do mar, perda dos ecosistemas mariños, aumento da enerxía das ondas, etc. e pola cantidade de persoas que viven no litoral. Nos 3.900 quilómetros do maltratado litoral do Estado Español -un lugar especialmente sensíbel pola súa localización- vive case a metade da poboación, existen ecosistemas esenciais para a vida e actividades económicas tan importantes como a pesca ou o turismo.

O sábado día 30 de agosto ás 11h ofreceráse unha rolda de prensa no Museo do Mar de Galiza para explicar o desenvolvemento da campaña, falar das consecuencias da Mudanza Climática e facer un chamamento de acción para frear o máis grave problema ambiental e social da actualidade.

Ese mesmo día, ás 20h, levaráse a cabo a proxección do documental “CO2stas: Impactos da Mudanza Climática nas zonas costeiras” no Museo do Mar de Galiza, seguido dunha mesa redonda con expertos das ciencias do mar. O programa tamén contará con actividades tanto o sábado como o domingo na praia de Samil durante todo o día.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: