Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
EDITORIAL

Romaxe, inquisición e profecía

A Romaxe convócanos a súa trixésimo primeira celebración. Volve onda as súas orixes, a un tiro de pedra do pedregal de Irimia. Nas súas sucesivas edicións poida que se congregasen máis de cincuenta mil persoas diferentes. E con todo, trinta e tantos anos despois, cando a romaxe volve ás terras da súa orixe percibimos as mesmas ameazas e presións, persecución solermiña ou descarada.

Redacción - 19:57 29/08/2008

A Romaxe convócanos a súa trixésimo primeira celebración. A Romaxe volve onda as súas orixes, a un tiro de pedra do pedregal de Irimia. Nas súas sucesivas edicións poida que se congregasen máis de cincuenta mil persoas diferentes, de distintos puntos de Galicia –e tamén de fóra-, de todas as idades, de diversas sensibilidades. E xuntáronse para escoitar a Palabra, escoitar á Terra, celebrar unha Eucaristía –dando grazas xuntos na mesa compartida que fai memoria viva de Xesús- unha Eucaristía que resoa nova, en formas e promesas, en xestos e pregarias recreadas e na fidelidade a un pobo e a unha lingua coa que a Igrexa está en recoñecida débeda. 

Os bispos galegos, que saben desa débeda, que leron as conclusións do silenciado Concilio Galego, que aínda manteñen un remol da esperanza do Vaticano II, que saben do dificultoso de emprender na vella Europa e na vella Galicia unha pastoral viva, de fronteira, aberta ao home e á muller de hoxe,...eses bispos galegos, os sabios e prudentes, saben que na Romaxe hai algo de Evanxeo.

E con todo, trinta e tantos anos despois, cando a romaxe volve ás terras da súa orixe, observamos que se repiten situacións que deberían estar superadas nunha Igrexa que pretenda ser unha institución crible para o século XXI. As mesmas ameazas, presións, persecución solermiña ou descarada, que exercía o integrista Temiño, bispo de Ourense cando a Romaxe dos Peares, (e que rematou cunha patética suspensión a divinis na súa diocese de tres párrocos exemplares do resto de Galicia), volve a aparecer agora, igual que apareceu o ano pasado e o anterior.

A situación asóciase á prohibición ou á “encarecida recomendación” de que no se celebre eucaristía. Como se a misión dun bispo fose privar da oportunidade de achegarse e celebrar a eucaristía a xente, e non, polo contra, animar experiencias que abran o círculo claustrofóbico no que o integrismo dominante na institución quere pechar o legado de Xesús de Nazaré.

A sombra do inquisidor domina na Igrexa e mesmo condiciona o comportamento pastoral de bispos sabios. Por iso lles pedimos que, ademais de sabedoría e prudencia, amosen de cando en vez, algo de valentía e profetismo. O Deus da Historia, que é o dos pobos e persoas empobrecidas, hallo ter en conta. E moitos galegos e galegas de hoxe, tamén.


4.9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: