Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESPECTÁCULO DE LUZ E SON

Para botar foguetes...Ourense

A pirotécnica Xaraiva gaña o "Gran Premio Internacional Vila de Bilbao", un dos recoñecementos máis destacados para este tipo de espectáculos.

Redacción - 20:00 03/09/2008

A Luis Doespiritusanto, xerente da Pirotecnia Xaraiva, ninguén lle pode dicir que bota foguetes mellor ca el. É o campión internacional, o gañador dos gañadores, no certame que maior recoñecemento reporta ás empresas pirotécnicas: o XVIII Gran Premio Internacional Vila de Bilbao. Este concurso acolleu este ano a competición das cinco mellores empresas do sector: as que, á súa vez, resultaran gañadoras do premio do público nas últimas cinco edicións do concurso. Así, tomaron parte Pirotecnia La Tirrena (Italia), Pagano (Italia), Nakaja (Polonia), Zaragozana (Zaragoza) e a ourensán Pirotecnia Xaraiva, despois de vencer a outras portuguesas, xaponesas ou chinesas. E malia a que os italianos eran os favoritos, os ourensáns sorprenderon e subíronse ao podio do mellor espectáculo de luz, son e fogos de artificio.

Agora Doespiritusanto está moi contento co resultado, xa que di que este galardón "equivale á champions league da pirotecnia" e malia que sabía que o podían conseguir, nos últimos momentos estaba moi nervioso, tanto que xa non recorda como se desenvolveron os 24 minutos que durou o seu espectáculo. Só lembra as miradas abraiadas do público, e que o animaban a subir o son. E abofé que este debeu de ser un dos puntos fortes do espectáculo, porque os xornais vascos recollen nas súas crónicas: "o ruído, unha das características que máis gustan en Bilbao, foi a arma que mellor empregaron os galegos (...) o ritmo foi de vertixe e ao público gustáronlle sobre todo os lumess baixos, cun efecto de abanos brancos en movemento, que eclipsaban ás consabidas palmeiras altas" (Deia). O xerente de Xaraiva asegura que a incorporación das novas tecnoloxías dixitais hai tres anos marcou un punto de inflexión no deseño dos seus espectáculos, que melloraron sensibelmente.

O feito é que, no liderado das empresas pirotécnicas, Luis Doespiritusanto recoñece que no exterior valoran moito máis o seu traballo ca en Galiza. Así, case un 80% da súa producción e importación diríxese para fora, mentres que aquí non se inverte tanto nos fogos artificiais. Porén, en lugares como Euskadi ou Valencia Pirotecnia Xaraiva ten xa un renome, que se deriva do gusto por este traballo. Malia todo, asegura que en Galiza tamén se traballa ben. Xaraiva foi xa reclamada para diferentes eventos, como as festas de Bouzas, as de Pontevedra ou mesmo as de vilas máis pequenas como Noia. O seguinte reto será un novo concurso de lumes artificiais en Valladolid, onde Doespiritusanto agarda volver a sorprender coa imaxinación e o deseño dunha nova sesión de foguetes.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Comentarios (1)

Tino #1 4/Setembro/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Haberá q mandarlle esta nova ao alcalde de Santiago, q sempre afirmou q en Galiza non hai empresas capaces de xestionar os fogos das festas, e sempre contrata a empresas foráneas... será pq Xaraiva suena muchu a gayégo!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete