Os dous produtos típicos do leste de Galiza poderanse comercializar co distintivo a partir de comezos do 2009.
Androllas
As indicacións xeográficas protexidas 'Botelo de Galicia' e 'Androlla de Galicia' dan os seus primeiros pasos coa súa publicación no DOG. A Consellaría do Medio Rural prevé declarar a protección transitoria dos dous produtos, de cara á súa comercialización co distintivo de calidade a partir de 2009.
A partir de agora, hai un prazo de dous meses para a presentación de enmendas aos dous rexistros. As indicacións xeográficas protexidas ampararán os botelos e as androllas producidas na zona oriental do país a partir de carne de porco de calidade. No caso do botelo, deberá ter un mínimo do 70 por cento de carne de costela, mentres que para a androlla a esixencia aumenta até o 90 por cento de costela.
Pataca da Limia
Por outra banda, produtores e industrias asinaron este martes, na Mesa da Pataca, un contrato que regulará a compravenda de pataca da Limia e fixará un prezo base para o produto. Ao importe, que se decidirá antes do comezo da próxima campaña, en marzo, engadiranse incrementos en función da calidade. O acordo seguirá vixente até maio de 2009, cando se poderá prorrogar por tres anos máis.
O Sindicato Labrego Galego desmarcouse da decisión, por considerar que o documento constitúe un instrumento a favor dos almacenistas e non dos produtores.
É unha gran nova, porque dos productos do país, son dos mais descoñecidos, o que non sei é se sería mellor facer unha denominacín de orixe xunto con León, que tamén fan istes productos, e tamén son de seu ( iso sí na zoa do Bierzo )
Coido que eles xa o teñen: "Botillo del Bierzo"; en Ourense consómese moito "Botillo", que se vende en todos os comercios e grandes áreas. O "Botelo" apenas se ve á venda. Desde logo íanos prexudicar. A marca comerdial iría en español ou en bilingüe, pero o comprador sempre estaría pensando que o auténtico "BOTILLO".Outtra cousa sería unha denominación "Botelo" para Galiza e O Bierzo como rexión galega.
Quixen dicir: "...o comprador sempre estaría pensando que mercaba o auténtico BOTILLO" e tamén: "Outra cousa sería unha denominación BOTELO (así tamén coñecido polos galegofalantes do Bierzo) para unha Rexión galega Val de Orras-Berzo"