Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate do Estado da Nación

Feijoo propón unha xuntanza entre Goberno e oposición para afrontar a crise

Cómpre máis autogoberno, di, mais non se compromete coa proposta realizada minutos antes polo líder do BNG sobre a reforma do Estatuto.

Redacción - 19:05 07/10/2008

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, propuxo manter unha xuntanza de urxencia entre os grupos de Goberno (PSdeG e BNG) e da oposición (PPdeG) co fin de estabelecer unha fronte común contra a crise económica. Con todo, Feijoo non foi moi explícito arredor das iniciativas que proporía o seu partido no caso de producirse esa xuntanza. De cara a esa hipotética xuntanza mencionou apenas a necesidade de falar sobre a execución orzamentaria real dos investimentos fixados polo Estado español e de pactar unha proposta única de financiamento autonómico que garanta os criterios que precisa o país.

Ademais, expuxo a necesidade de recuperar o consenso para exixir a execución orzamentaria. Lembrou neste senso e como exemplo os 241 millóns de euros comprometidos polo Estado para Sanidade que agora lle nega á Xunta. De xeito específico tamén criticou a ausencia de referencias aos emprendedores no discurso de Pérez Touriño malia que evitou afondar no conxunto de medidas anunciadas horas antes polo presidente e o vicepresidente nas quendas anteriores.

Así, Feijoo referiuse apenas á proposta de austeridade no gasto das administracións, propoñendo a supresión de unidades administrativas e consellarías, sen citar cales, e a supresión de gastos de gabinete e asesores, acusando á Xunta de ter "máis asesores ca Lula da Silva, que preside un país de 180 millóns de habitantes". Na mesma liña de "austeridade" anunciou que se chega ao poder suprimirá "os audis", en referencia aos vehículos oficiais dos altos cargos. Unha anécdota sobre a que chanceou posteriormente o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, acusando a Feijoo de ofrecer un discurso baseado en "ocurrencias e chascarrillos" e ironizando sobre se o que propoñía o popular era cambiar "a jaguars", en lembranza do modelo elixido polo ex presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro.


(Haberá ampliación)


Ligazóns

1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: