Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Discrimina os alumnos, os profesores e os pais"

Feijoo acalma a Madrid: en canto chegue á Xunta, derrogará o decreto do galego

"O PP galego ampara a política lingüística da Xunta e a memoria histórica", titula un dos medios máis influíntes da dereita española.

Redacción - 18:35 09/10/2008
Alberto Núñez Feijoo

Alberto Núñez Feijoo

"Unha das primeiras decisións que adoptarei na presidencia da Xunta será derrogar o decreto do galego no ensino". O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, anunciaba deste xeito cales serían as políticas de urxencia dun Executivo popular, no hipotético caso de que este chegase a gobernar de novo o país.

"O decreto do señor Quintana e do señor Touriño discrimina no ensino, por razón de lingua, os alumnos, os profesores e os pais", engadía Feijoo. Curiosamente, ao tempo que esta quinta feira ao mediodía o dirixente conservador realizaba estas declaracións aos medios, un dos xornais máis influíntes dentro da dereita española cargaba as tintas contra o seu partido: "O PP galego ampara a política lingüística da Xunta e a memoria histórica", era o titular da súa noticia máis destacada.

Este mesmo diario recoñecía que durante o debate do Estado da Nación, o portavoz parlamentario dos populares, Manuel Ruíz Rivas, advertiu da intención do seu grupo de derrogar o decreto do galego. No entanto, na salientábase negativamente o feito de que "malia os abusos que vén cometendo o Goberno de socialistas e nacionalistas, o PP tamén se sumou ao consenso en torno ás políticas lingüísticas, incluídas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".

Cómpre aclarar que esta non é esta unha novidade na política lingüística dos populares, xa que a norma á que se fai referencia foi aprobada por todos os grupos do Parlamento, tamén polo PPdeG -grupo maioritario e de Goberno-, en setembro de 2004. Neste senso, Feijoo recordou esta quinta feira o que xa dixera durante o debate, que "sempre estará de acordo co que indica o Estatuto de Autonomía".

Ademais, propuxo "recuperar o consenso", polo que dixo "falaremos con todas as forzas políticas" co obxectivo de "redactar un novo decreto, que non discrimine, que busque un bilingüismo cordial, froito do entendemento, e onde teña unha parte moi importante o inglés". Un decreto que cualificou "da convivencia".


1.55/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: