Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Moratoria, Sr Vázquez

A FEG alega a dous saltos hidroeléctricos no río Oitavén

Os aproveitamentos hidroeléctricos dos saltos do Corope e Eiras II promovidos pola entidade "Hidroeléctrica de Eiras, S.L." afectarían o único treito libre do Río Oitavén, cunha continuidade lonxitudinal dende a Enseada de San Simón até o encoro de Eiras.

Redacción - 20:55 14/10/2008
Tags:

O Río Oitavén está incluído na proposta de ampliación dos LIC da rede Natura 2000 preparada pola Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel. Por este motivo, esta concesión hidroeléctrica entra en contradición cos motivos que fundamentan a consideración de LIC do Río Oitavén, poñendo en serio perigo e xaque os hábitats e especies que se pretenden protexer.

Precisamente, neste treito de río aínda cría o salmón (Salmo salar) e os seus bosques de ribeira e fragas presentan un alto grao de conservación. Esta especie animal xunto cos hábitats mencionados están considerados de interese comunitario pola directiva 92/43 CEE que regula a rede Natura 2000.

Tamén son salientábeis outras especies como a rata auganeira (Galemys pyrenaicus), a lontra (Lutra lutra), os morcegos (Rhinolophus hipposideros, Rhinolophus ferrumequinum, Myotis myotis), a saramaganta (Chioglossa lusitanica), a ra patilonga (Rana ibérica), o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), o bufo real (Bubo bubo), o martiño peixeiro (Alcedo atthis), o falcón peregrino (Falco peregrinus), a vacaloura (Lucanus cervus) e outros insectos como Oxygastra curtisii, Gomphus graslini e Cerambyx cerdo.

Por outra banda, a construción da canle de derivación do salto do Corope (de máis de 4 km) afectaría negativamente ás masas arbóreas autóctonas (que teñen unha anchura de banda dun mínimo de 30 m, ocupando todo o fondo do val, cunha transición gradual a carballeira na aba sur), que tal como se amosou coa vaga de incendios de 2006, actuaron como unha barreira contra o paso do lume.

A FEG solicita á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel que impida a construción destes dous saltos para que o interese lucrativo particular non prevaleza sobre o interese xeral e os principios que fundamentan a rede Natura 2000, para que o novo LIC da conca Verdugo-Oitavén non naza morto como exemplo dunha xestión ambiental baseada na desidia e no "deixar facer".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete