Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Pioneiras': Mulleres Empresarias de Galiza

Da primeira camioneira do Estado á precursora galega do traxe de augas

Chega a Bruxelas a mostra sobre vinte emprendedoras que converteron as súas ideas en riqueza para elas e para o país. Falamos con Ana Luísa Bouza, directora xeral do Servizo de Igualdade.

F. A. - 17:25 16/10/2008

En xuño de 1921, Uxía Pereira licénciase en Compostela coa cualificación de sobresaliente; obtén o premio extraordinario de fin de carreira na Licenciatura de Ciencia -é a primeira muller en Farmacia en conseguilo-; e anos despois crea o seu propio laboratorio onde fabrica o primeiro deterxente líquido que se comercializa no Estado.

Xaquina García, nada en 1879 no Porto do Son, cavila dende cativa na elaboración dunha roupa impermeábel que fixese máis levadeiro o traballo do seu pai, mariñeiro. Consegue finalmente un prototipo a base de liño e aceite que gaña moita sona entre os compañeiros paternos. Co tempo profesionaliza o seu labor, monta talleres de confección e multiplica as vendas.

Con só 20 anos, Celia Rivas Casais chega á Coruña en 1932 coa decisión firme de sacar o permiso de conducir camións para poder levar un que importara de EUA o pai, un empresario de ideas progresistas. Meu dito meu feito. Celia convértese na primeira camioneira do Estado e logo do pasamento do seu proxenitor colócase a cargo da empresa familiar, dedicada ao transporte de peixe fresco.

Estas son só tres das 20 historias que recolle a exposición Pioneiras, inaugurada durante o I Encontro de Empresarias Galegas celebrado o pasado mes de maio na Coruña e que esta semana chegou a Bruxelas. En realidade, debido ao seu éxito, hai tres copias da mesma: dúas que levan varios meses percorrendo o país (actualmente hai unha en Monforte e outra trasládase de Compostela a Lalín), e a que quedará permanentemente a disposición da Fundación Galicia-Europa.

Explícanolo Ana Luísa Bouza, directora xeral do Servizo de Promoción da Igualdade (SPI), que abriu a mostra esta cuarta feira na capital europea, coincidindo co LVI Congreso Mundial de Empresarias e co seminario Potenciando a iniciativa empresarial entre as mulleres europeas: a experiencia das emprendedoras galegas. Participan en ambos os dous actos, convidadas polo SPI, 16 empresarias destacadas do noso país.

Abrindo camiños, construíndo redes

'Pioneiras' xoga co duplo significado da palabra: por unha banda, fai referencia ás "mulleres que inician a exploración de novas terras, que van abrindo camiño a outras en calquera actividade"; e por outra, á "rede que se emprega na pesca da piarda" coa que se quere expresar tamén a vontade e o compromiso da exposición de construír redes.

Ana Luísa Bouza salienta o traballo de investigación realizado para a elaboración da mostra, centrado principalmente en estabelecer contacto coas familias e cos concellos destas pioneiras para recabar información e fotografías. "É unha exposición divulgativa, máis que académica", sinala Bouza para explicar o seu carácter próximo á xente. Ademais, asegura que o obxectivo é "non pechala con 20 mulleres", e que "está aberta" a unha segunda peneira.

Son este grupo un símbolo representativo do traballo de moitas mulleres anónimas do noso país? Bouza aclara que sempre que se fala do traballo feminino silencioso é para facelo do que ten que ver coas tarefas do fogar. Nunca se lembra, no entanto, este outro traballo "potente", con repercusión, de mulleres como as 'pioneiras' que máis alá de non ser valorado "ocultouse".

Riqueza para elas, e riqueza para o país
O verdadeiro símbolo da exposición, apunta a directora xeral, é reivindicar que "sempre houbo emprendedoras, tamén en épocas antigas e difíciles", e que "non hai un único xeito de ser muller: hainas con diferentes ideoloxías, diversas actividades e tanto do medio rural como do urbano".

En definitiva, tal e como apuntan dende o departamento dependente de Vicepresidencia, con Pioneiras preténdese reivindicar estas mulleres. As súas caras, as súas historias, as súas memorias, o seu esforzo para poñer en marcha ideas e convertelas en riqueza para elas e para o noso país.


4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: