Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
O PSOE non atopa apoios

A minoría Orozco máis feble ca nunca fronte á proba dos orzamentos

O PP acúsao de incumprir os acordos cos que hai un ano lle concederon o seu voto. O Bloque detállalle ao rexedor a receita para aforrar 2 millóns de euros.

Redacción - 09:25 26/10/2008

Vai para un ano que o único goberno das grandes cidades que no país permanece en minoría, ofrecía unha inédita sintonía entre o grupo municipal do PSOE e o do PP. Daquela, os votos dos edís populares serviron para que o goberno local liderado por Xosé Clemente López Orozco sacase adiante o proxecto de orzamentos para 2008. Nese tempo, a profundidade das diferenzas entre PSOE e BNG seguiu impedindo que o pacto acordado polas direccións das dúas formacións puidese ser aplicado tamén en Lugo.

As contas de 2009 tampouco parecen ir ofrecer oportunidade para ese pacto. Por riba, López Orozco semella ter rachado as diplomacias estabelecidas co Partido Popular, polo que é improbábel que este partido se aveña a concederlle beizón ás contas socialistas para 2009. Tensando a corda, o grupo municipal do PP lugués xa advertiu de que vía certo "compadreo" entre socialistas e nacionalistas, prognosticando un pacto a curto prazo. En plena carreira preelectoral, os populares lugueses tamén evitaron sentar á mesa de Orozco na primeira reunión convocada sobre o tema orzamentario.
Un pacto que en todo caso parece improbábel, á luz das propias recomendacións que este xoves lle trasladaba o voceiro do Bloque, Xosé Anxo Laxe, ao PSdeG. Catro puntos concretos cos que o BNG propón facer real a prometida "austeridade" orzamentaria en tempo de crise e cuxo cumprimento aforraría algo máis de dous millóns de euros para o arcón municipal.

O plan pasa en primeiro lugar por suprimir os cualificados como gastos "supérfluos e improdutivos", poñendo exemplo nas viaxes á China, excursión pagada a carreiras da Fórmula 1 a conta do Concello ou cursiños "de Carme de Foz", en referencia á polémica actividade coa que a concellaría de Muller e Xuventude lle pagaba a unha coñecida vidente local para impartir o curso titulado "Interpretación de soños e filtros de amor". Alén do medio millón de euros que os nacionalistas analizan que se poderían aforrar nese apartado de "prescindíbeis" apuntan outro medio millón a inxectar nas contas mantendo un nivel de endebedamento co que "investir para estimular a economía local". Por outro lado, renunciar a dous "cargos innecesarios" como consideran os nacionalistas que son as direccións xerais locais de Policía e Novas Tecnoloxías, permitiría aforrar dous soldos que rabuñan 120 mil euros. Finalmente, avalía o BNG que a entrada de Lugo no Consorcio Galego de Servizos Sociais conlevaría aforros equivalentes a 900 mil euros.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: