Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
SOCIEDADE DO COÑECEMENTO

Só catro das 20 empresas que máis facturan no país teñen a web en galego

Gadisa, Vegonsa (a través de Eroski), Pescanova e Zara (mais non o resto do grupo Inditex), as únicas do ranking que falan o noso idioma.

Modesto del Río - 09:00 17/11/2008

Só catro das 20 firmas galegas que máis diñeiro facturaron teñen a súa web na nosa lingua. Estas compañías ingresaron, en conxunto, máis de 23 mil millóns de euros. A téxtil Zara, as distribuidoras de alimentación Gadisa e Vegonsa e a pesqueira Pescanova son as únicas que nos ofrecen a posibilidade de ver a súa páxina na internet na nosa lingua.

Da listaxe das 20 empresas con maior facturación no ano 2005, incluídas no directorio Ardán, dáse a circunstancia de que sete están ligadas a Inditex. Se se sumase a súa facturación, encabezarían o 'ranking'. Tanto a web da casa matriz (no cuarto posto) como de Bershka (11), Massimo Dutti (13), Pull & Bear (14), Stradivarius (15) e Tempe (16) están só en castelán e en inglés, mentres que a de Zara (5ª), está en 12 linguas, entre elas a nosa.

A páxina de Gadisa, no posto oitavo do 'ranking', está tanto en galego como en castelán, mentres que Vegonsa (no posto 12) non dispón de web corporativa propia. Si a ten a cadea de supermercados á que pertence, a vasca Eroski, coas opcións de galego, catalán, éuscaro e castelán. A marca destaca tamén polo multilingüismo á hora de etiquetar os seus produtos.

Pola súa banda, Pescanova dispón de dúas webs: unha corporativa (Pescanova.com), en galego (aínda que practicamente só están traducidos os menús), castelán e inglés, e outra de carácter promocional (Pescanova.es), só en castelán.

A listaxe está encabezada por empresas non propiamente galegas: a automobilística PSA Peugeot Citroën, coa web en inglés, francés e castelán, e as construtoras Dragados (en castelán e inglés) e FCC (tamén en castelán e en inglés).

Tamén opta polo francés, xunto ao castelán e o inglés, a inmobiliaria Martinsa Fadesa (no sexto posto), mentres que o Grupo San José, o sétimo en facturación, súmalle o portugués ás outras dúas linguas.

Un caso singular é o de Froiz (17), que ten a web só en castelán a pesar de incluír as opcións de galego e portugués, non accesíbeis. Ademais, o castelán é a única lingua da súa tenda en liña.

Paradoxal é a situación da madeireira Finsa, cunha web en cinco idiomas: castelán, inglés, francés, polaco e ruso, mais non galego, mentres que a láctea Celta (18) ofrece unha web moi atraínte para a infancia, máis só en castelán. Megasa (10) e Megasa Siderúrxica (20) contan cunha extranet con lema en inglés pero menú en castelán.


3.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: