ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Informe de Greenpeace sobre o sector do cloro

"Non hai escusas" para a tecnoloxía obsoleta de Elnosa que contamina a ría

Malia a grave contaminación da ría de Pontevedra e mentres se adía o traslado, máis exemplos de "connivencia política": o permiso do goberno español á industria para esquivar outros dez anos as recomendacións europeas.

Redacción - 14:00 29/10/2008

Até 2003 o complexo industrial de Elnosa verteu directamente na praia de Praceres. Na actualidade, os vertidos contaminantes van a través dun emisario submarino a un punto situado fronte á illa de Tambo. No que é o primeiro estudo sistemático sobre a industria do cloro no Estado Español, Greenpeace elixiu tomar mostras a pé da propia zona de Praceres, onde atopou que malia os cinco anos transcorridos desde que que os vertidos non van directamente a ese punto, os sedimentos analizados amosaban preocupantes niveis de mercurio á beira dun lugar onde na actualidade hai actividade marisqueira.

É un exemplo da persistencia da contaminación froito da actividade de Elnosa, que opera coas chamadas "celas de mercurio", unha tecnoloxía obsoleta e perigosa e contra a que xa se conseguiu consenso en diversos convenios internacionais. O obxectivo a nivel mundial: suprimir o uso destes procedementos antes do ano 2010. Paradoxalmente, e de costas ás propias recomendacións que a Unión Europea estabeleceu ao respecto, o goberno español asinou un acordo coa industria para autorizar o uso deste sistema durante dez anos máis, cando menos até 2020.

Nese marco de "connivencia política", mesmo no caso de que o prometido traslado do complexo de Lourizán a outra zona onde o seu impacto no medio fose menor, non está garantido que se fosen a usar técnicas menos agresivas, tal e como recomenda a UE. En opinión de Juan López de Uralde, director de Greenpeace, isto é precisamente o máis preocupante, que as industrias conten "co beneplácito dos poderes públicos para seguir contaminando libremente e xa demostrasen abertamente a súa intención de non investir nas técnicas máis limpas existentes".

Elnosa ten na actualidade capacidade para producir 34 mil toneladas anuais. O 68% da produción de cloro úsase para facer hipoclorito sódico (lixivia doméstica) e ácido clorhídico; o 15% adícase a tratamentos de auga, fabricación de medicamentos e produtos agrícolas e o 17% restante á fabricación de PVC.

Propoñen unha "Axencia de Sostibilidade Química"
No caso concreto das "celas de mercurio", o Estado Español converteuse nun dos redutos a nivel europeo para as empresas que teiman en usar esta tecnoloxía obsoleta, co 20% do total das que aplican esta técnica contaminante. Diante desa situación, Greenpeace propón crear unha Axencia de Sostibilidade Química, organismo que controlaría o sector industrial neste ámbito, vixiando a contaminación causada, realizando estudos periódicos de saúde ambiental, elaborando un rexistro actualizado e público das emisións contaminantes ao medio e dándolle soporte técnico ás empresas para que se adecúen ás esixencias legais.

Advirten os ecoloxistas de que é urxente que as administracións atendan ás evidencias da "grave contaminación aparentemente invisíbel" causada pola industria do cloro. Denuncia Greenpeace que se xera unha toxicidade que se acumula e permanece no medio durante anos, deteriorando pouco a pouco a saúde dos cidadáns e do medio, tal e como demostrarían estudos realizados noutras zonas do planeta. Ao fío, recordan que países como Xapón demostraron que se pode reducir en pouco tempo a contaminación por mercurio. Ademais, no caso xaponés a cuestión tornouse prioritaria despois da grave contaminación acontecida na Bahía de Minamata que provocou a intoxicación de milleiros persoas por consumo de marisco contaminado. Así, na actualidade, as instalacións que usan a chamada tecnoloxía limpa "con membranas" son xa o 90% do total. No Estado Español, esta tecnoloxía, que é tamén máis eficiente enerxeticamente que a de "celas de mercurio", foi instalada só por unha planta en Hernani.


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Comentarios (5)

Carlinhos #1 29/Outubro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

$obram €$cUSAs.€m qu€ plan€tam moram €$t€$ de Greenpeace? Cuido que nos mundos da progressialándia onde se diz que som capazes de fazer omeletas sem escacharem os ovos.

vilaespesa #2 29/Outubro/2008 vilaespesa
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

O ciclo do mercurio na natureza coñécese moi ben, estímase que anualmente lánzase á biosfera unhas 15000 toneladas debido a procesos industriais fronte a 230 toneladas procedentes da descomposición das rochas. O mercurio procedente dos proceso industriais na súa maior parte chega ao mar, ás veces en forma de composto organomercurial, as bacterias contribúen á mobilización do metal e este pasa ao fitoplancton entrando así na cadea trófica, este metal é acumulativo: é dicir que unha vez que entra nun organismo vivo vaise acumulando nos seus tecidos. As algas mariñas soen ter 100 veces máis de mercurio ca auga do mar. Hai episodios famosos de contaminación por mercurio como o ocorrido en Minamata, no Xapón nos anos 50, cando os habitantes dun pobo de pescadores se viron afectados por un mal misterioso con danos cerebrais, debilidade muscular, cegueira, parálise e en certos casos morte debido ao consumo de peixe contaminado con mercurio. Hoxe admítese unha contaminación de entre medio miligramo e un miligramo de mercurio por quilogramo de peixe, a contaminación en Minamata chegou a ser de 50 mg de mercurio por cada quilogramo de peixe
http://feneconcello.blogspot.c...

mansdodemo #3 30/Outubro/2008 mansdodemo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

A empresa ENCE ELNOSA ten que largar canto antes da súa situación actual(situación consentida polo anterior goberno).Os recheos con mercurio nas balsas de decantación,fan que todos os cidadans que viven ao seu arredor,e que respiran,comen os peixes das augas,e productos da terra,teñan a saúde pendente dun fío.
DEBÉRASE PROHIBIR O CONSUMO DE PEIXE,AMEIXAS E BERBERECHOS EN TODA ESA ZONA.

O MERCURIO NON SE ELIMINA.

Carlinhos #4 30/Outubro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Pois o dito, nom se podem fazer omeletas sem rachar os ovos; se os que governam a Xunta actual som incapazes de pôr o capital no seu sítio que marchem p'rà casinha, que para isso já tinhamos o PP; nesta altura da partida, penso que o BNG devera deixar governar "os listos mais votados" e que se matassem entre eles no Gaiás.
Galiza, cada dia máis colónia e cada dia máis xampu (ou cosmética, decoração e interiorismo em geral).

ecoe #5 1/Novembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Nin no cloro nin no mercurio a política xunteira é distinta nin diferente en nada.

Han seguir a convencernos da diferenza? Non se contenta quen non quer!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: