Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Política continuista do feita polo PP

A FEG pide a anulación e a suspensión cautelar das tramitación de parques eólicos

  A FEG ven de presentar o correspondente escrito no que se solicita a Anulación e a Suspensión Cautelar da orde do 6 de marzo de 2008 pola que se
determina o obxectivo de potencia máxima en megawatts para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de parques eólicos

Federación Ecoloxista Galega - 17:24 06/11/2008
Tags:

A través da citada orde, a Consellería de Industria pretende acadar 2.325 MW máis de enerxía a través da producción eólica. Tal pretensión conleva danos irreversibles sobre o medio ambiente galego: os seus recursos naturais, a biodiversidade e a paisaxe. Os danos virían dados pola ocupación, na maior parte dos casos, de hábitats naturais.

A FEG considera que esta orde supón unha política continuísta coa emprendida polos anteriores gobernos do Partido Popular de efectos extremadamente negativos sobre o medio natural galego, a estas alturas, comprobados.  Considera igualmente que calquera desenvolvemento eólico debe ser contemplado ao abeiro dun novo plan sectorial que levaría aparellado un proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica tal e como contempla a lexislación. Dita orde (e previamente o decreto 242/2007 "eólico") non deixa de ser un truco de legalidade dubidosa e dende logo eticamente repudiable para beneficiar a determinadas empresas enerxéticas en detrimento do patrimonio natural galego.  A actual Orde non está obrigada á Avaliación Ambiental Estratéxica pois é un Plan vello, do PP, anterior a Directiva Europea sobre Avaliación Ambiental Estratéxica, creada, precisamente para evitar estas situacións[1]. Curiosamente a Consellería de Industria desenvolve en paralelo outro un plan sectorial para 2000 MW máis que acabarán por converter o conxunto do territorio galego nunha central eólica continua.

Coa execución da citada Orde a secuencia de feitos será a seguinte: 1. adxudícanse parques eólicos a empresas, 2. estas efectúan o estudio de impacto ambiental (EIA), 3. o EIA é presentado á Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible) e esta emite a Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Así, as DIA terán que ser forzosamente en todos os casos favorables á instalación dos Parques Eólicos independentemente do seu impacto ambiental pois economicamente é inviable para a Xunta de Galicia paralizar a posteriori calquera proxecto eólico pois tería que indemnizar a empresa por dereitos adquiridos. En definitiva é facerlle unha ponte inadmisible á lei e un sucio truco que poñería contra as cordas a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible pois estaría coas mans atadas para cumprir, minimamente, cos seus cometidos.

En previsión polo tanto dos danos sobre o patrimonio natural, a biodiversidade, os recursos naturais e a paisaxe entendemos que debe primar o interese público e polo tanto a Orde debe ser anulada. De non ser así a FEG non dubidará en pedir a Dimisión do Conselleiro de Innovación e Industria, D. Fernando Blanco que pode pasar á historia como o responsable dunha das maiores e mellor planificada agresión ambiental ao conxunto do país. Baseámonos en que antes que a Orde deben ser cumpridas as seguintes Directivas e Leis:

·        Directiva de hábitats (Directiva do Concello 92/43/EEC da Conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres).
·        Directiva de aves (Directiva 79/409/CEE del Consejo, de 2 de abril de 1979, relativa a la conservación das aves silvestres).
·        Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade,
·        Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas
·        Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia. A

Todas as citadas directivas e leis serían de imposible cumprimento de non retirarse a Orde do 6 de marzo de 2008. Compre mencionar, ademais, que seguindo o Decreto 88/2007, a Consellería de Medio Ambiente está a elaborar os plans de conservación de determinadas especies ameazadas (entre eles o da Aguia real, o da Tartaraña e Gatafornela, Morcegos, etc.) que serían completamente inútiles con semellante desenvolvemento eólico polo que é preciso contar previamente con estes plans de conservación antes de tomar ningunha decisión máis sobre a instalación de centrais eólicas.

Invitamos á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e ao seu Conselleiro, D. Manuel Vázquez a cumprir e facer cumprir as leis porque do contrario serían cómplices da desfeita emprendida pola Consellería de Industria.

Por outra banda cítase constantemente a Rede Natura 2000 como área libre de centrais eólicas, pois ben, a excepción determinadas áreas montañosas de Lugo e Ourense todas as áreas de Rede Natura susceptibles de aproveitamento eólico xa están explotadas deste xeito. Ademais estase traballando na ampliación da citada Rede, máis exactamente, no cumprimento da lexislación vixente pois a actual Rede (do PP) non a cumpre, polo que a ampliación sería absurda por incompatible co desenvolvemento eólico o que supón un dano irreparable para o patrimonio natural de todos os galegos e galegas.

A FEG vese obrigada a reiterar unha vez mais o seu apoio á producción de enerxía por medios renovables pero garantindo outros aspectos do medio ambiente galego, sendo ademais prioritario o aforro e a eficacia na política enerxética.


[1] Directiva 2001/42/CE en vigor dende o 21 de xullo de 2004 trasposta a Lei 9/2006 sobre Avaliación dos efectos de determinados Plans e Programas no Medio, publicada no BOE de 29 de abril de 2006.


4.73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: