Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESAPARECIDOS

Amnistía Internacional pídelle ao Estado que non free as investigacións sobre a memoria histórica

Baséase nun informe da ONU que lle pide ao goberno español que non desprece os dereitos das vítimas mediante o esquecemento, cumprindo coas leis internacionais.

Redacción - 19:35 12/11/2008

Amnistía Internacional presentou un informe no que lle lembra ao Estado Español que debe protexer os dereitos das vítimas dos crimes do pasado, cumprindo coas súas obrigas internacionais. Así, ten que garantir que se investiguen xudicialmente as desaparicións forzadas cometidas durante a guerra civil e o franquismo.

O Comité de Dereitos Humanos da ONU presentou o 31 de outubro o proxecto de observacións finais ao quinto informe periódico sobre o Estado Español, despois de máis de 12 anos de silencio, e nel recoméndalles ás autoridades españolas que cumpran coas súas obrigas internacionais como estado parte do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos.

O comité salienta os obstáculos que se lles puxeron ás vítimas para obter xustiza e instou o Estado Español a derrogar a Lei de Amnistía de 1977 e garantir que os crimes contra a humanidade non prescriban. Tamén lle pide ao goberno español que constitúa unha comisión independente para estabelecer a verdade histórica sobre as violacións dos dereitos humanos no anterior réxime e que garanta a restitución dos restos das vítimas aos seus familiares.

Para Amnistía Internacional, o Estado Español, o que ten un meirande número de casos de desaparición forzada denunciados perante os tribunais, estivo a prolongar unha situación de inxustiza que o sitúa entre os poucos estados do mundo que lle viran as costas á súa obriga de investigar delitos de dereito internacional que constitúen crimes contra a humanidade. Pola contra, pon o exemplo de países como Perú, Marrocos, Timor Leste ou países sucesores da antiga Iugoslavia, que deron xa pasos para esclarecer crimes do pasado.

Tamén salienta a ONG que o Ministerio Fiscal español paralizou as investigacións invocando a lei de 1977, o que pode supoñer o estabelecemento de mecanismos de impunidade incompatíbeis coa legalidade internacional. Esa legalidade deixa fóra os estados que desprecen os dereitos das vítimas mediante a lóxica do esquecemento.

Estas son as conclusións incluídas no documento Mitos e distorsións e o informe España: A obriga de investigar os crimes do pasado e garantir os dereitos das vítimas de desaparición forzada durante a Guerra Civil e o Franquismo, que acaba de presentar Amnistía Internacional. Nos dous casos, salienta que as alegacións da Fiscalía son incompatíbeis tanto co dereito internacional como coa lexislación estatal.

O Estado Español é un dos territorios aos que o Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas lles tivo que recordar que non se poden invocar amnistías nin alegar prescricións no que atinxe a este tipo de crimes, xunto a Chile, Arxentina, Perú, Líbano, Francia (Nova Caledonia), O Salvador, Haití e Uruguai.


4.25/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: