Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
ELECCIÓNS REXIONAIS E MUNICIPAIS DO 23 DE NOVEMBRO

Chávez: "O 23-N imos devolver eses espectros á tumba política"

O líder do proceso revolucionario sinalou na cidade de San Felipe, capital do estado Yaracuy, que "a oposición política comezou a dar mostras de desesperación e xa se está falando de fraude electoral, fronte á inminente vitoria do PSUV en todo o país".

Xurxo Martínez Crespo - 13:12 14/11/2008

Fronte a unha marea vermella (de homes e mulleres) que ateigou a avenida Caracas, da cidade de San Felipe, exhortou á militancia do PSUV a intensificar a ofensiva revolucionaria en todos os espazos, e despregar a maquinaria do Partido na rexión, con "os movementos sociais, as misións, a mocidade, os estudantes, o movemento labrefo de Yaracuy, as nais do barrio, os profesionais", para dar a gran batalla fronte á vitoria do 23 de novembro.

Así mesmo, pediu aos candidatos polo PSUV no estado Yaracuy que lle presenten 100 medidas socialistas a tomar nos primeiros 100 días de goberno.

Pediu a toda a poboación votar polo candidato á gobernación e polos aspirantes ás alcaldías e ao Consejo Legislativo Regional, á vez que manifestou que "se nós facemos todo o que hai que facer arreo, estes días que quedan, Julio León Heredia será o gobernador do estado Yaracuy, por vontade maioritaria do pobo".

A oposición comezou a dar mostras de desesperación

O presidente venezuelano denunciou que a oposición comezou a dar mostras de desesperación e está preparando plans violentos, tal e como o fixo a semana pasada a oposición nicaraguana ante a contundente derrota que recibiron nas eleccións municipais por parte da Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN).


Dixo Chávez que "a oposición está preparandose para descoñecer o triunfo da Revolución, e xerar violencia", e engadiu: "Non o fagan! Se o fan, peor para vostedes! Non imos quedar cos brazos cruzados, non lles vai ser tan doado".

Falou dun artigo de Marianella Salazar, publicado no xornal opositor El Nacional o pasado mércores 12 de novembro, onde a xornalista afirma que o exército venezuelano é inimigo da oposición e que, logo da conflitividade causada pola suposta saída de Chávez do poder, haberá que reestruturar ou eliminar a Fuerza Armada Bolivariana.

O presidente do PSUV tamén leu as palabras dunha persoa que non identificou, quen a través de Radio Caracas Radio, emisora pertencente ás Empresas 1BC, dixo: "Verdugo non pide clemencia. O goberno ten medo, sabe que vai perder e hai un plano preparado para alterar a orde pública".

Chávez respondeu que "claro que hai un planoo, pero o plano non o temos nós. Téñeno eles, e eu denúncioo! ¡Denuncio á oposición, que se está preparando para descoñecer o triunfo da Revolución, e xerar violencia!"


3,4/5 (5 votos)