Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica

A UPG reelixe a Francisco Rodríguez como secretario xeral

“Non desprezamos cambios aínda que poidan ser puntuais ou momentáneos”, afirmou o máximo responsábel da Unión do Povo.

R.Vilar - 21:45 16/11/2008
Tags: congreso UPG

Tal e como estaba previsto, Francisco Rodríguez seguirá a ser o “home forte” da UPG. O partido historicamente hexemónico dentro do BNG clausurou este domingo no Auditorio de Galiza (Compostela) o seu XII Congreso. Ademais do secretario xeral, o plenario escolleu os membros do Comité Central, máximo ógano entre congresos. No mesmo volven figurar, entre moitos outros, caras tan coñecidas como as de Alfredo Suárez Canal, Francisco García, Ana Pontón, Alberte Ansede, Roberto Vilameá, Francisco Jorquera, Pilar García Negro, Bieito Lobeira ou Suso Seixo.Tamén estarán na dirección os responsábeis de zona da UPG: Xosé Manuel Fernández (Pontevedra); Daniel Gómez (Ourense); Xesús Méndez (Lugo); Xosé Carlos Pazos (Vigo); Manuel Rei (Ferrolterra); e Martiño Santos (Compostela).

Na clausura do congreso houbo reiteradas referencias a Bautista Álvarez, que logo de máis de trinta anos, deixa a presidencia do partido e os organismos de dirección. O plenario rendeulle unha grande ovación a un Álvarez que pasará a centrar a súa actividade na fundación que leva o seu nome. O histórico presidente recibiu como agasallo unha bandeira galega e outra da UPG.

Quintana: “Os cambios non se poden producir se non hai pobo detrás”

Anxo Quintana participou no acto en calidade de voceiro do BNG. O de Allariz principiou o seu discurso asegurando que “mentres o nacionalismo galego sexa quen de parir persoas como Bautista Álvarez é unha garantía de futuro e éxito”. A continuación, Quintana centrou a súa intervención na crise mundial, na crítica aos modelos económicos ultraliberais e na receita de máis nacionalismo como mellor antídoto.

En clave interna o líder do BNG afirmou que “non é especialmente estraño que moitas veces nos sacuda a impaciencia. O noso é un proxecto transformador. Nunca nos conformaremos co que temos pero os procesos non se poden producir se non se leva pobo detrás”. Por iso, emprazou á militancia da UPG a traballar arreo para lograr uns bos resultados nos vindeiros comicios, á vez que se mostrou seguro de que na seguinte lexislatura vai ser posíbel un Estatuto de Nación para Galiza.

Rodríguez: “Non desprezamos cambios aínda que poidan ser puntuais ou momentáneos”

O líder da UPG comezou o seu discurso citando ao Panchito de Castelao e a Obama. Aínda que dixo valorar o cambio en EUA, mostrou o seu escepticismo de cara unha mudanza real naquel país. Rodríguez non desaproveitou a oportunidade de criticar os que se identifican dentro do nacionalismo con Obama (Quintana ten feito paralelismos nos seus discursos ao respecto). Así asegurou que o nacionalismo deu persoeiros en Galiza nos que mirarse sen ser no líder demócrata. Rodríguez advertiu por un lado que “non queremos clubes elitistas” pero polo outro asegurou que “non imos facer o noso contributo dende ideoloxismos hipercríticos”.

Logo de reiterar por activa e por pasiva que a UPG non renunciaba a un cambio radical no sistema, defendeu tamén as reformas: “Non desprezamos cambios aínda que poidan ser puntuais ou momentáneos”. Así sinalou que instrumentos como un novo Estatuto ou unha nova lexislación para as caixas de aforro son pasos de importancia.

O secretario xeral da UPG agradeceulle a Baustista Álvarez os servizos prestados: “Dende 1972 confluín con el no patriotismo, tíveno como compañeiro nos momentos máis difíciles”. Acto seguido Rodríguez fixo unha reflexión en voz alta: “Canto costa manter un instrumento unido, que non se convirta nunha gaiola de grilos”.

O aplausómetro volveu ser o mellor medidor das simpatías da militancia

Os aplausos foron como sempre o termómetro para saber como respira a UPG. As grandes ovacións para Francisco Rodríguez e especialmente para Bautista Álvarez contrastaron cos aplausos, aínda que correctos, moito menos vehementes que recibiu o voceiro nacional do BNG. Os aplausos tamén se fixeron notar ao ouvirse polos altofalantes nomes como os de Bieito Lobeira ou Pilar García Negro.

Entre as organizacións nacionalistas que enviaron representantes, destacaron os aplausos á CIG e ao Encontro Nacional Labrego (corrente crítica dentro do Sindicato Labrego, organización que por certo non tivo presente ningún membro da súa dirección). A nivel internacional, as maiores ovacións da militancia da UPG foron para os representantes do Frente Popular de Liberación de Palestina e do Partido Comunista de Cuba.


3.21/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: