Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dáballe traballo a máis de 100 persoas

A farmacéutica AstraZeneca pecha a súa planta do Porriño

Malia manter boas cifras de negocio, o xigante do sector aproveita a conxuntura para poñerlle fin a unha actividade iniciada hai máis de corenta anos.

Redacción - 12:45 20/11/2008

A segunda maior farmacéutica británica, creada a partir da fusión da sueca Astra AB e a inglesa Zeneca Group, recortará o seu persoal en 1.400 empregados, dentro dunha reestruturación que provocará o peche de plantas en Suecia, Bélxica e no Estado Español. Desta volta, os máis afectados serán os traballadores do centro de produción do Porriño, un cadro de empregados que ascende a 113 persoas. A crise semella ser unha das causas que está detrás desta manobra, mais a deslocalización é outra das palabras máis acaidas á situación. Os plans da farmacéutica pasan por trasladar parte das súas operacións a mercados de Asia e Latinoamérica.

Con todo, AstraZeneca xa informou a sindicatos, comité e traballadores da decisión, a que achacou ás necesidades de racionalizar as actividades de produción. Falan así de motivos organizativos e non económicos, xa que a planta xa non estará en disposición de absorber todos os volumes de envasado que require a globalización do negocio. Agora, o obxectivo é atopar un comprador e dende a empresa xa adiantaron que nos vindeiros días manterán conversas para buscar solucións ao futuro do cadro de persoal.

AstraZeneca en Porriño
A farmacéutica está operativa en Galiza dende 1964, onde ten na actualidade algo máis de 43 mil metros cadrados de superficie (Torneiros - O Porriño). Naquela época constituíuse ICI-Farma, co 50% de capital galego. En 1969 ICI adquiriu todo o capital e posteriormente prodúcese a segregación de Zéneca de ICI, ao que seguiría no futuro unha fusión coa sueca Astra. A produción total do ano 2006 (último do que constan datos) foi de 1,1 millóns de envases.

A de Porriño é a única planta de envasado do Estado Español, se ben ten outras delegacións en Sevilla, As Palmas, Málaga, Valencia, Madrid, Bilbao, Barcelona e A Coruña. En total, conta con 800 traballadores despois de que antes de comezos do verán a empresa anunciase axustes duns tres mil empregos en todo o mundo. Con todo, o recorte afectou só a persoal do departamento comercial (132 despidos no Estado) e o centro porriñés quedou fora das reducións. Porén, agora non foi quen de sortear as decisións de deslocalización empresarial.


Ligazóns

4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: