Os nacionalistas saen á procura de aumentar até 17 escanos, catro máis dos actuais, e confían na reedición do actual pacto de Goberno.
A imaxe do seu voceiro nacional, Anxo Quintana, como instrumento para achegar os "logros" do Bloque á fronte da Xunta, será clave na campaña que deseñan os nacionalistas para a próxima cita coas urnas, onde buscarán mostrar que son "unha forza que tamén sabe gobernar". No BNG confían en saír reforzados fronte os actuais socios de Goberno no actual contexto de crise económica.
A forza hexemónica do Bloque, a UPG, e a corrente quintanista abriron os seus contactos para deseñar as listas electorais, nas que, segundo as fontes consultadas, terán un protagonismo claro os conselleiros nacionalistas, que ocuparán os postos de saída, sen que necesariamente vaian de cabeza de cartel nas provincias. Así, Teresa Táboas, Fernando Blanco e Alfredo Suárez Canal serán as caras máis visíbeis do BNG na campaña nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense, respectivamente, mentres que para Ánxela Bugallo manéxase a posibilidade de incluíla nas listas (aínda que non coa mesma influencia que os anteriores) para non a desvincular do BNG e salvagardar a imaxe unida que os nacionalistas trasladan ao público nos últimos tempos. Por outro lado, todo apunta a que Anxo Quintana, como xa aconteceu nos pasados comicios galegos, sexa cabeza de cartel pola provincia da Coruña.
Os nacionalistas insisten en que non se trata dunha campaña presidencialista, pero si confían para chegar ao electorado na "proximidade" do vicepresidente da Xunta, cara a sectores como os maiores, e na "imaxe moderada" que ofrece. Unha imaxe da que admiten que mesmo senta mal nalgúns sectores internos, pero que consideran que favorece os resultados electorais, ao captar votos de ámbitos que tradicionalmente non lle corresponderían. De feito, por un lado o BNG aspira a recoller sufraxios das zonas rurais, onde podería quitarlle algún escano ao PPdeG nos próximos comicios e, por outro, ten as súas expectativas nas zonas urbanas de tamaño medio, captando o sufraxio novo que soubera recoller Xosé Manuel Beiras e que, en parte, recuperou na última cita electoral.
Cara a un novo bipartito
Cos deputados que consiga o BNG, que manexa datos para subir dos 13 aos 17 escanos no Parlamento, os nacionalistas confían nunha reedición do pacto cos socialistas, para o que mesmo xa debaten novas fórmulas, posto que desbotan que se repita unha estrutura de consellarías igual á actual.
A formación frentista pretende adquirir máis peso no Executivo para salvar os obstáculos nun posíbel futuro goberno, como o feito de que haxa leis do BNG sen remitir ao Parlamento para a súa tramitación definitiva, como é o caso da Lei de Acción Social de Galicia, aprobada recentemente no Consello da Xunta; e para non repetir algúns incumprimentos da actual lexislatura, como unha comisión lingüística no goberno sobre as políticas ao respecto. Unha maior forza pasaría por facer chegar as mensaxes da campaña, que versarán sobre a reivindicación dos logros no Goberno, xirandoarredor das políticas que mellores resultados deron, como a enerxética, a do medio rural, a de vivenda e a dos servizos sociais; a necesidade de incrementar o autogoberno; e a visualización do labor dun BNG por primeira vez no Executivo.
Elaboración das listas
De momento o debate para as listas electorais estaría no seu nivel máis discreto, na que os quintanistas e a UPG iniciaron contactos antes de consultar con outros sectores, e proporán algúns nomes, pero que non serán decisivos. Non obstante, o sector de Quintana loitaría por buscar unhas listas máis igualitarias ao respecto de Unión do Povo Galego, tratando de abrir camiño á próxima Asemblea Nacional do BNG, a celebrar despois das eleccións, a finais de 2009.
Esa asemblea, que será a primeira ordinaria na que se votará polo sistema de delegados, tras a celebrada con carácter extraordinario para a proclamación do candidato, será o foro no que Anxo Quintana mediría a súa forza no seo do BNG e podería ter que facelo fronte a un dos seus principais apoios actuais, a UPG. Deste modo, os comicios serían unha oportunidade para que o líder cobre pulso.
O actual secretario de Política Municipal, Roberto Mera, é un dos nomes chamados a irromper con forza nas listas, segundo as fontes consultadas, e aparecería nos primeiros postos do cartel da provincia por Pontevedra. Na de Ourense, o deputado Iago Tabarés sairá nos postos de partida, aínda que a cabeza disputaríaa con Suárez Canal, polo seu tirón no medio rural, aínda que neste caso ao conselleiro tería que pedirllo o partido, posto que non é unha das súas aspiracións persoais, segundo o seu ámbito.
Pola súa banda, os membros do Goberno, os que renunciaron ás súas actas de deputado a excepción de Anxo Quintana, serán un importante activo e ocuparán os primeiros postos para utilizar o seu impulso, ao tempo que tamén se lles abre unha porta no Parlamento para unha posible carreira política se non puidesen repetir no Executivo, debido á probábel reorganización de áreas. Con todo, o BNG terá que canalizar todas as súas propostas polos seus órganos tradicionais e o consello Nacional aínda ten pendente ratificar o programa co que concorrerá e as listas, aínda por confeccionar.