Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
P.BILBAO, OBSERVATORIO VASCO DE DEREITOS LINGÜÍSTICOS

"Eu son bilingüe, pero teño o dereito a que me atendan no meu idioma"

Dirixe o Behatokia, o equivalente vasco á Mesa pola Normalización.

M.S.P. (texto)/ Isabel G. Couso(vídeo) - 19:45 02/12/2008

En 2001 Kontseilua, Consello dos Organismos Sociais do Euskera, decidiu crear un Observatorio dos Dereitos Lingüísticos (Behatokia). Despois de dúas décadas de políticas de normalización da lingua, queríase facer unha análise da situación real da lingua. Concluíuse que nalgúns territorios se estaban producindo retrocesos, principalmente en Navarra e Iparralde, e que mesmo en Euskadi os avances non eran tantos como se cría, e que en xeral en toda Euskal Herría os dereitos lingüísticos dos vascos estaban sendo conculcados e non había ningunha institución independente que obxectivase esta situación. Ademais de realizar informes, Behatokia recolle as queixas dos cidadáns e tramítaas diante de institucións públicas, chegando á vía xudicial nalgúns casos.

Como valorades estes sete anos de traballo?
Nestes sete anos constatamos a vulneración dos dereitos lingüísticos dos euskaldúns. Non se puxeron en marcha mecanismos xuridico-administrativos axeitados para defender os dereitos lingüísticos. En Navarra só se lles recoñecen os dereitos lingüísticos a unha parte da cidadanía, ao resto non. En Francia é certo que en xuño modificouse a Constitución, pero foi só un lavado de cara; segue sen recoñecerse a existencia de minorías como colectivos con dereitos. E en Euskadi, aínda que si están recoñecidos estes dereitos, segue sen haber unha igualdade entre os castelanfanlantes e os que falan euskera, iguais en deberes pero non en dereitos.

Por ámbitos onde hai máis problemas?
Falando de administracións, as que máis vulneran os dereitos dos cidadáns son a Administración Xeral do Estado e o Goberno de Navarra. E en canto a ámbitos, son o sanitario, xustiza e interior, curiosamente tres lugares aos que non imos porque queiramos. En xustiza, creo que tamén sucede co galego e co catalán, vulnéranse continuamente os dereitos lingüístico dos cidadáns. Hoxendía nun xuízo non se pode falar integramente en euskera, sempre se utiliza o intérprete, unha ferramenta que dende Behatokia estimamos que non é garante dos dereitos lingüísticos; é a ferramenta que se utiliza para comprender a alguén que non fala unha lingua propia do territorio no que se celebra o xuízo. En cambio os castelanfalantes si poden falar en castelán, sen intérprete, e ser comprendidos polo xuíz, cos beneficios que leva consigo esa inmediatez. No ámbito sanitario tamén sucede: rapaces que proceden dun ambiente totalmente euskaldún e que aínda non foron á escola e polo tanto non falan castelán, van ao médico e non lle entenden, ou xente maior. Ou casos que rapaces que tiñan que ir ao psicólogo e tiñan que acudir cun intérprete. Pero non quero levar o tema a casos extremos: eu son bilingüe, pero teño o dereito de que me atendan no meu idioma. Ás veces parece que é un capricho, pero é un dereito. Parece que aínda que entendemos as dúas linguas, teimamos en usar unha.

Algún caso moi rechamante?
Pois hai uns meses unha persoa foi testemuña dun accidente de coche, e quixo ir declarar ao xulgado. Alí negouse a facelo a través dun intérprete e o xuíz abriulle un procedemento penal e acabou no xulgado de Bilbao: caéronlle seis meses. Como non tiña antecedentes, non foi á cadea, pero agora sabe que con calquera falta leve que cometa vai acabar no cárcere.

A Mesa é criticada dende certos sectores, que a acusan de 'impoñer' a lingua. Pasouvos algo semellante?
O Observatorio, o mesmo que A Mesa, como organizacións do tecido social, non podemos garantir dereitos lingüísticos, non podemos impoñer. Correspóndenos defender os dereitos lingüísticos; iso significa facerlle saber a unha persoa que incumpre a lei que a está incumprindo. Que eu saiba imposición só houbo por unha banda, agora o que se está facendo é recuperar usos sociais para a nosa lingua, que durante séculos sufriu unha regresión que non foi natural. O castelanfalante non ten vulnerado dereito ningún dende que se ergue e pon a radio en castelán, até que se deita coa súa serie favorita da televisión, tamén en castelán. Todo na súa vida pode facelo en castelán. Todo o contrario que a min, que me falan en castelán no médico, na administración, nos comercios. Falar de imposición do euskera é unha aberración. Nós non poñemos multas, nós só recordamos á xente que incumpre a lei onde están e cal é a lexislación vixente. A ninguén lle parece estraño que a un comercio ou a unha administración lle esixan un acceso axeitado para a xente en cadeira de rodas, porque esa xente ten dereitos. Pois isto é o mesmo.

Percibes unha involución nos últimos anos: colectivos e partidos políticos que están cuestionando mesmo consensos sobre a lingua que parecían asumidos por todos?
En Euskadi non notamos tanto ese endurecemento. Creouse unha plataforma, cun nome moi longo, a Plataforma por la Libertad de Elección Lingüística, que si monta moito ruído. O que si notamos é un cambio no seu discurso: falan de bilingüismo e de que eles teñen dereito a usar o castelán. Por iso nós temos que difundir a mensaxe de que pode que eles vivan nunha sociedade bilingüe, pero os euskaldúns non vivimos nunha sociedade bilingüe. Para que iso sexa así, ten que haber un coñecemento universal das dúas linguas: cando eu opto por falarche en euskera porque ti me entendes e ti optas por falar en castelán porque eu te entendo. Pero iso non sucede: eu si entendo as dúas linguas, pero ti non: como o teu dereito non se vulnera, vivimos nunha sociedade bilingüe. Pois non é así.

O euskera está en perigo de extinción?
É unha das preguntas que menos me gusta. Dependendo quen o diga, mesmo o catalán está en perigo, e outros en cambio defenden que a partir dun número bastante pequeno de falantes xa non hai perigo de desaparición. Si que é certo que en Iparralde, sobre todo en Nafarroa Beherea e Suberoa, hoxendía os territorios coa meirande porcentaxe de euskaldúns, pois a poboación está moi envellecida: a xente nova marcha e os vellos morren, e a evolución é dramática. En Navarra, na zona sur o euskera non existe. Non me gusta velo dende esta perspectiva, porque despois acúsannos de catastrofistas e de apocalípticos. Pero que me dean unha razón para ser optismista.

En primavera hai eleccións en Euskadi e fálase de que o PSE podería ser o partido máis votado. Pode mudar a política lingüística?
O PSE presentou hai uns meses un manifesto, nun acto ao que asistiu por exemplo o secretario xeral de Kontseilua, que resumía a súa política lingüística e daba un pouco de medo: repetía os argumentos de 'sociedade bilingüe', 'política que non marxine a ninguén', sempre dende o punto de vista do castelanfalante. E o único que se recollía era que se ían manter as subvencións, dicindo: 'tranquilos, que ides seguir cos cartos'. Pero é difícil que mude a política a curto prazo.


4,67/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: