Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A resaca do temporal

A Xunta presenta unha queixa formal ante Fomento polo corte da AP-9

Quintana entende que os usuarios "pensen en deixar de pagar". O PP exixe explicacións nas Cortes. Industria di que volve haber servizo eléctrico en todo o país. No interior, critican o rol das deputacións.

Redacción - 19:30 03/12/2008
O temporal causou problemas de circulación en todo o país

O temporal causou problemas de circulación en todo o país

A conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, anunciou esta cuarta feira que a Xunta presentou unha protesta formal ante o ministerio español de Fomento para que "non se volva repetir" o caos vivido este martes na Autoestrada do Atlántico (AP-9).

Tres accidentes múltiples provocados polo temporal á altura de Ordes, entre A Coruña e Compostela, colapsaron a principal vía de comunicación do Eixo Atlántico, que finalmente foi cortada así como outras estradas.

A Xunta quere que Fomento lle "exixa á concesionaria -Audasa- que adopte as medidas que fagan que unha resposta lenta como a de onte (por este martes) non se volva repetir nunha infraestrutura vital para Galiza", e que se poñan os medios necesarios para iso.

"Pensar en deixar de pagar a peaxe", di Quintana

En declaracións aos medios antes dunha xuntanza coa Confederación de Empresarios (CEG), o vicepresidente Anxo Quintana sinalou que o traballo de Audasa "consiste en cobrar unha peaxe para dar un servizo, e se non se dá, ao mellor os cidadáns galegos teñen que pensar en deixar de pagala".

"É lóxico que o Goberno, a través de Política Territorial reclame que se cumpran os compromisos contractuais, afirmou o número dous do Goberno, que defendeu que os cidadáns "están no seu pleno dereito para facer as reclamacións que consideran oportunas polos danos ocasionados".

Batería de preguntas do PP no Congreso

O Partido Popular, pola súa banda, rexistrou unha batería de preguntas na cámara alta do parlamento español, en relación coa situación provocada polo temporal de frío e neve nas estradas galegas, así como sobre cal era o plan de prevención que se executou ante as previsións meteorolóxicas.

A deputada coruñesa María Xesús Sáinz considera que Audasa "non actuou nin na aplicación das medidas de prevención que a situación requiría, nin deu a resposta adecuada que se require dunha vía de alta capacidade, que está cobrando unha peaxe considerábel".

Industria: "Restabelecido o servizo eléctrico"
Por outra banda, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, asegurou esta cuarta feira que na noite do martes se restabeleceu por completo o servizo eléctrico en todo o país, tamén para os 16 usuarios dos municipios de Folgoso do Courel e Quiroga, que estaban sen el.

Blanco referiuse aos máis de 65 mil quilómetros de rede eléctrica con que conta Galiza e ás "dificultades" que iso ocasiona para "traballar con temporais de vento e neve", e reiterou a intención de financiar a adquisición de grupos electróxenos. O responsábel da Consellaría de Industria gabou ademais "a eficiencia e a rapidez" con que actuou Unión Fenosa, fronte as críticas dalgún alcalde.

Papel das deputacións provinciais

Noutro senso, o rexedor de Pedrafita, Xosé Luís Raposo, advertiu das "dificultades" que atravesan algunhas das empresas que se encargan do mantemento das estradas de titularidade provincial ao carecer dos "medios suficientes" para despexar a neve da calzada.

Así aseverou que se a Deputación de Lugo vai investir 11 millóns de euros "as empresas teñen que ter maquinaria". Sobre esta cuestión defendeu que os municipios integrados neste plan de mantemento se encarguen de asumir o seu labor: "A neve xa a quitaremos nós e non que a teñamos que retirar para que cobren outros".

En en Ourense, o PSdeG denunciou a utilización "partidista" por parte da Deputación dos "medios e efectivos" de limpeza das estradas de titularidade provincial durante o temporal.


5/5 (2 votos)

Comentarios (8)

subela #1 4/Decembro/2008 subela
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

O grupo Citi ten problemas económicos, o goberno norteamericano da cartos ao grupo Citi, resultado: o grupo Citi compra a máis importante e rendíbel autoestrada galega,....?
consecuencia: os galegos seguimos a estar nas mans de outros que aproveitan a nosa riqueza e coa súa desidia impiden a nosa evolución

Vakaloura #2 4/Decembro/2008 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Imos ver: o PP privatizou e fixo o que fixo coma para agora protestar. Pero todo iso, non exime das súas responsabilidades ao governo que hoxe temos na Xunta. E hai que asumir responsabilidades cando toca. Un governo está para governar non para queixarse. Por certo, onde estaban onte acubillados todos os nosos líderes políticos? Que queren, que lles sigamos a esixir aos que xa governaron? Pois o conto non é así. Algo terá que facer o governo galego, ademáis de queixarse. Quen nos temos que queixar somos os cidadáns que vos estamos a pagar por non solucionaren os nosos problemas. Xa vai sendo horas de deixarse de milongas e desviar a atención. O governo está pra governar, ou se non pra irse pra casa. Deixense de lerias e fagan algo útil!

Xabi1 #3 4/Decembro/2008 Xabi1
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Con todo o respeto para o noso Vice, e con moito menos para a empresa adxudicataria da autoestrada de referencia, animar á xente a non pegar a peaxe polo pésimo servizo prestado pode converter-se en algo en contra do mesmo Kim.
Non creo que estea disposto o estadista Quintana a que non se pagaran os impostos por dispor dun servizo sanitario terceiromundista como o que padecemos nen que deixáramos de pagar impostos por ter decidido, él entre eles, continuar levantando a Cidade da Cultura ou porque os cartos da Lei de Dependencia son escasos.
Este señor quere ser goberno e quere ser oposición.

spider #4 4/Decembro/2008 spider
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Con todo o respecto a todos... pouca responsabilidade ten a Xunta neste caso posto que a concesión a Audarsa depende do Goberno Central (o cal é incrible.. así nos vai). A Xunta nin pincha nin curta na AP-9

manza #5 4/Decembro/2008 manza
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

punto un:non se pode facer oposición dende o goberno
punto dous: as culpas son tanto de audasa, como de fomento, como da Xunta, asi que non é de recibo que se pasen as culpas uns os outros

e punto 3: señor quintana, deixamos de pagar os impostos??seguro??e os seus coches oficiais quen os paga??deixamos de pagar as peaxes??seguro???enton nos seguiria a policia ata multarnos....

unha pouca de cabeza por favor!

Xianagz #6 4/Decembro/2008 Xianagz
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Esta xunta pasara a historia por escurrir todos los problemas que ha tenido desde los incendios a estos, la culpa es de todos menos de ellos. ¡QUE VERGÜENZA DE DIRIGENTES!

Xianagz #7 4/Decembro/2008 Xianagz
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

A Xunta o que ten que facer e solucionar os problemas de deixarse de tantas voltas que si fomento, que si audasa ¿ e eles? ¿non teñen nada que dicir? ah si, certo o Sr. Quin dille os galegos que non paguen a audasa, menuda solución. ¿vai pagar el a multa por non pagarlle a Audasa? Quintana e un fanfarron

papuxa70 #8 5/Decembro/2008 papuxa70
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

PPrivatizaçom¡¡

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: