Entre a súas funcións está a de informar sobre todas actuacións que se realicen no contorno protexido ao abeiro do Plano Reitor de Uso e Xestión, visar calquera intervención, obra ou traballo que se pretenda realizar no parque ou na súa área de influenza, administrar os recursos económicos que se outorguen ao Padroado e propoñer normas para a defensa dos seus valores naturais.
Portanto, resulta evidente que durante máis de 3 anos, o organismo que canalisa a participación pública e que ADEGA considera chave para éxito e a viabilidade de calquera espazo protexido, non puido participar na xestión deste emblemático espazo do noso patrimonio natural.
Nese tempo, no Parque Nacional desenvolvéronse determinadas intervencións urbanísticas máis que cuestionábeis, como a reforma dunha vivenda privada na illa Sur (Cíes), probablemente ilegal, que precisou da canalización dun rego con pedra sacada dunha vella salgadura e antigo mosteiro inventariado por Patrimonio; ou a cementación de camiños en Ons, pavimentados com materiais alóctonos e sobrantes das obras.
Alén disto, cometéronse graves erros no manexo da vexetación como a "remodelación e limpeza" do pavimento no faro das Cíes que en 2005 case acaba coa única poboación insular galega de herba da agulla (Erodium maritimum), ou a recente eliminación de vexetación nunha comunidade botánica de alto valor nas Cíes, caracterizada polo toxo costeiro (Ulex europaeus subsp. latebracteatus) e a camariña (Corema album). No entanto, a cuberta alóctona de eucaliptos e acacias, lonxe de frearse e erradicarse, continúa a súa expansión, como acontece con outras plantas invasoras. Polo que respeita á fauna, nos últimos 5 anos prodúxose o descenso nun 50% na poboación de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) debido ao impacto das artes de enmalle, ou a proliferación de especies invasoras como o visón americano (Mustela vison), cuxa presenza foi recentemente constatada no illote Agoeiro, onde se sitúa a única colonia de paíños (Hydrobates pelagicus) do Parque Natural. Até hoxe, a administración do Parque Nacional mostrouse incompetente para acotar a súa progresiva invasión.
Neste contexto, ADEGA quere promover unha reflexión sobre as causas que están detrás do aumento do número de especies en perigo de extinción nos últimos anos, malia a terse incrementado a superficie dos espazos protexidos. Unha destas causas tería relación co que agora denunciamos no Parque Nacional: a xestión pouco efectiva e opaca deste espazo protexido e a escasa participación dos colectivos sociais no deseño, divulgación e posta en prática das necesarias medidas de conservación.