Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Gastará 232 millóns en catro anos

Jove reforza o seu negocio petroleiro cunha empresa colombiana

Á espera da autorización da defensa da competencia en Colombia, a adquirida Petrotesting fusionaríase coa xa participada Vetra nun gran grupo petroleiro.

Redacción - 09:00 10/12/2008

O plan de expansión no sector enerxético deseñado por Inveravante, a corporación propiedade do coruñés Manuel Jove, ofreceu este martes a novidade da adquisición da petroleira colombiana Petrotesting. Un chanzo máis dun proxecto enerxético a catro anos onde o magnate galego prevé investir até 232 millóns de euros. Desta volta, faise cunha compañía que dispón dunha ducia de campos de produción petroleira en Colombia e conta con vencellos comerciais importantes no ámbito de produción de gas coa mexicana Pemex.

Coa beizón das autoridades encargadas da defensa da competencia naquel país, esta nova adquisición fusionaríase con Vetra, onde Jove xa accedera a un 40% do capital coa intención de chegar á maioría posteriormente. O grupo petroleiro que sae desta fusión xunta así presenza directas en media ducia de estados (Colombia, Estados Uidos, Perú, Ecuador, México e Trinidade e Tobago) e queda ben situada para dar o salto internacional a outras cobizadas áreas enerxéticas. De xeito especial, Inveravante admite intereses a curto prazo en África e Oriente Medio. Na actualidade xestiona o equivalente a máis de 25.000 barrís de petróleo diarios, produción que cavilan duplicar en 2012. Para daquela a petroleira con base galaica disporía dunhas reservas de até 100 millóns de barrís de petróleo.

Aposta enerxética que inclúe os muíños galegos
O grupo enerxético global armado arredor de Inveravante desprega ademais ampla actividade no sector das enerxías renovábeis. A medio prazo ten en marcha un proxecto en Marrocos, onde irá da man dunha empresa pública. Da outra beira do Atlántico iniciou xestións para proxectos enerxeticamente sostíbeis nos Estados Unidos e impulsa proxectos hidroeléctricos, eólicos, de coxeneración e biogás entre outros en Panamá, República Dominicana, México, Brasil, Costa Rica e Guatemala. En Europa promove iniciativas en Romanía, Turquía, Bulgaria e Polonia.

En Galiza, Manuel Jove, vai da man de Jacinto Rei, presidente do Grupo San José; e Epifanio Campo, dono de Cerámica Campo. Xuntos pecharon acordo co grupo Ence para constituír unha empresa e optar ás concesións eólicas que a Xunta repartirá de xeito inminente.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: