Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Culpa o Feijoo da moción de Mos

Quintana: "Os galegos van ser propietarios dun bo paquete de megavatios"

O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG asistiu este sábado á presentación do libro 'Conversas con Anxo Quintana', de Barreiro Rivas.

Redacción - 14:35 13/12/2008
Quintana, este sábado

Quintana, este sábado

O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, comentou este sábado a polémica suscitada polo concurso eólico, asegurando que "será aplaudido pola maioría da sociedade galega" porque "é unha novidade en si mesma" que exista un "concurso regulamentado".

En declaracións aos medios antes de participar na presentación do libro Vontade de nación. Conversas con Anxo Quintana de Xosé Luís Barreiro Rivas, o líder nacionalista minimizou as críticas do PPdeG, e ironizou con que antes non se podía discutir se había máis ou menos transparencia", xa que é a "primeira vez" que hai un proceso destas características.

Neste senso, incidiu en que "os galegos van ser propietarios dun bo paquete de megavatios" e, "por primeira vez, o traballo eólico e a explotación enerxética van acompañados de proxectos vinculados ao país".

Moción en Mos
Por outra banda, Quintana fixo referencia á moción no Concello de Mos, afirmando que "está ben" que o PPdeG abrise expediente disciplinario e enviase o caso ao comité de seguimento do Pacto Antitransfuguismo, mais reclamoulle ao líder dos populares, Alberto Núñez Feijoo, "solucións" e "explicacións".

"Non é o primeiro caso que sucede así", comentou Quintana, e incidiu en que ao PPdeG "isto deberíalle facer reflexionar", posto que "non é un concello calquera que o señor Feijoo descoñecese" e "non é unha situación da que non estivese ao corrente".

"E aínda así pasou o que pasou", recriminou o voceiro do Bloque, quen acusou o Feijoo de coñecer a situación e de non emprender medidas "efectivas". A este respecto, recordou que o presidente popular "visitou Mos durante o proceso" en que naceu a moción de censura, apoiada nun concelleiro tránsfuga do PSdeG.

"Non se pode actuar como bombeiro pirómano e, cando se declara un incendio, gritar socorro", ilustrou Quintana, e concluíu que "este é o resultado" dunha actuación da que "Feijóo é responsábel". "Os veciños de Mos máis que golpes no peito, necesitan solucións", sentenciou.


4.14/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: