Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións ao Parlamento 2009

Touriño acórdase do Estatuto no día da súa proclamación como candidato

"Intentareino sen descanso e porei toda a enerxía", agregou, e especificou que estabelecerá "só dúas condicións, que sexa de todos e todas e que sexa de primeira".

Redacción - 17:00 14/12/2008
Touriño, coa súa esposa, este domingo

Touriño, coa súa esposa, este domingo

Varios miles de militantes do PSdeG -arredor de cinco mil, segundo o propio partido- arrouparon este domingo en Compostela o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, na súa proclamación como candidato a ser reelecto como presidente da Xunta.

Touriño manifestou a súa vontade de usar "toda a forza" que os cidadáns dean ao seu proxecto a través dos seus votos para "fortalecer Galiza dende a unidade da sociedade". "Primeiro Galiza, sempre Galiza", en contraposición co proxecto do PPdeG, dixo, xa que para o PSdeG o país "non é unha peza para alimentar unha estratexia nacional", porque é "demasiado grande e importante".

Pérez Touriño tivo palabras de agradecemento ao seu equipo de Goberno e aos seus compañeiros de partido. Tamén lle deu "grazas ao BNG", que "colaborou" na tarefa á fronte do Executivo. Cada un "dende as súas ideas e a súa tradición", engadiu, mais buscando "o mesmo, facer máis forte Galiza".

Neste senso, destacou o labor realizado en materia de sanidade, educación, ambiente e política territorial, aínda que tamén destacou o traballo en materia de aplicación da Lei de Dependencia, na construción da "sociedade do benestar" e en vivenda protexida, responsabilidades da Vicepresidencia, de Anxo Quintana, e Vivenda e Solo, de Teresa Táboas.

"A vontade excluínte, un mal camiño"

O secretario xeral dos socialistas destacou a súa "vontade política" para facer da proclama do acto, O que nos xunta, o elemento central das súas iniciativas, e lamentou que "no pasado, isto non foi así". Esta vontade "excluínte", sinalou, podería ser "moi satisfactoria para algúns intereses", aínda que a rexeitou de plano. "É un mal camiño polo que non quero transitar", asegurou.

En referencia aos nacionalistas, Touriño criticou que "outros pretenden, en plena globalización, que Galiza saia adiante por si mesma, sen contar con ninguén e sen abrirse a España e á Unión Europea". "O malo" non é "que estean equivocados sobre o que o país necesita", senón que "se se impuxesen, unha parte da sociedade sentiríase excluída". "E iso non se pode admitir", proclamou.

Neste punto, apostou por "potenciar" os elementos da vida colectiva "para que todos os cidadáns se sintan recoñecidos e incluídos". "Porque nos une o desexo de que Galiza esprema a súa capacidade de autogoberno, pero dentro do colectivo fermoso e común que se chama España", dixo.

"O que temos de galegos e de españois" é un "bilingüismo vivido con naturalidade, porque as dúas linguas son de todos", afirmou Touriño, e engadiu que "tamén nos une o sentimento común de pertencer a unha comunidade histórica con personalidade única".

Un Estatuto "de todos e todas" e "de primeira"
Nesta liña, Pérez Touriño afirmou que intentará lograr un acordo para reformar o Estatuto na lexislatura vindeira. "Intentareino sen descanso e porei toda a enerxía", agregou, e especificou que estabelecerá "só dúas condicións, que sexa de todos e todas e que sexa de primeira".

Mais, os maiores aplausos do auditorio, onde había deputados, representantes das dúas cámaras do parlamento español, alcaldes, concelleiros e presidentes das deputacións socialistas e de comunidades autónomas, chegaron cada vez que o candidato dirixiu o seu discurso a criticar a actitude do PPdeG nesta lexislatura, en especial a do seu presidente Alberto Núñez Feijoo.

"Feijoo, Baltar, Louzán e Rajoy non advertiron que Galiza cambiou", dixo Touriño, e lamentou que "desexarían volver á Galiza tradicional e pechada en si mesma, dependente da axuda de Madrid e resignada". Esta concepción está fundamentada "no pasado" da autonomía advertiu, e defendeu que "o seu futuro non se construirá" sobre esta premisa, o que lle valeu unha grande ovación.


2,78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: