Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acto do Foro Galego da Inmigración

"Somos cidadáns galegos, membros activos desta sociedade que contribúen ao seu desenvolvemento"

O próximo 18 de decembro, Día Internacional da Migracións, realizarán unha acción reivindicativa e festeira para pedir a visibilidade das persoas inmigrantes no noso país e denunciar os problemas aos que se enfrontan.

A.Rodríguez - 19:15 16/12/2008
Na conferencia de prensa, de esquerda a dereita, Ion Stan, Miguel Frnández e Irama Faty

Na conferencia de prensa, de esquerda a dereita, Ion Stan, Miguel Frnández e Irama Faty

O Foro Galego da Inmigración, entidade que agrupa a máis de 70 asociacións de toda Galiza, que traballan con colectivos de estranxeiros residentes no país, presentou esta terza feira o acto final da campaña Tod@s Somos Inmigrantes, que se desenvolverá o vindeiro 18 de decembro, Día Internacional das Migracións, en Compostela.

O acto reivindicativo-festeiro comezará ás 18:30 hora na Praza de Cervantes da capital, máis o momento central está programado para as 20:00 horas, cando que se fará unha concentración e unha cazolada solidaria após a que se lerá un manifesto redactado polo Foro. O tema central deste acto -no que pretenden xuntar uns 200 inmigrantes de toda Galiza, cousa non doada, por non ser fin de semana- será protestar polas continuas limitacións dos dereitos das persoas inmigrantes en diferentes ámbitos, tanto por parte do goberno español como polas institucións europeas -en referencia ás mudanzas que se contemplan facer o ano próximo na Lei de Estranxeiría española e sobre a chamada Directiva de Retorno da UE. Durante o acto actuarán, ademais, un cantautor chileno e outro brasileiro, e repartiranse, entre os asistentes, pulseiras nas que se poderá ler o tema central desta campaña do Foro: " Tod@s Somos Inmigrantes".

Contra a dura Lei de Estranxeiría
"Xustamente cando se cumpren 60 anos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, cremos que se fai máis necesario lembrar que un destes dereitos é o de circular libremente polos diferentes países do mundo", sinalou Miguel Fernández, membro do Foro, quen abriu a conferencia de prensa na que se presentaba o acto da quinta feira 18 de decembro, acompañado do senegalés Irama Faty e de Ion Stan, presidente da Ponte Cultural Romano-Galega.

"Os inmigrantes tamén teñen algo que conmemorar neste 60 aniversario, mais pesa nesta celebración a dura Lei de Estranxeiría, baixo a que é moi complicado conseguir papeis para as persoas en situación irregular no Estado Español, e logo imos por aí dicindo que somos un país campión na defensa dos Dereitos Humanos. Esta Lei é do ano 2000, e nestes oito anos mudáronse moitas outras normas, pero esta nin se tocou, e non se vai tocar até o ano que vén, por obriga e, ademais, para facela aínda máis dura, máis restritiva, para limitar máis os dereitos das persoas inmigrantes", denunciou Fernández.

A inmigración, un fenómeno "totalmente positivo"
"Moitas veces esquecemos que nós tamén fomos un pobo emigrante e agora, como novos ricos, dámoslles as costas aos estranxeiros que chegan ao noso país. Eles agora son, coma nós fomos no pasado, responsábeis do denominado efecto chamada, é dicir, chamar a familiares, amigos e xente dunha mesma vila a emigrar despois deles, e morar na mesma cidade ou zona. Que nos últimos anos chegasen máis emigrantes só é síntoma da forza da economía estatal, mais eles veñen, case sempre, a desenvolver traballos que non queremos facer os de aquí: traballar na construción, cando había demanda, coidárnolos vellos, os nenos... empregos básicos para a nosa sociedade; son forza de traballo e a súa chegada é un fenómeno positivo", sinalou Miguel Fernández.

Denuncia da persecución policial aos "sen papeis"
Na conferencia de prensa, os representantes do Foro Galego da Inmigración tamén sinalaron que viñan de manter unha xuntanza co delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras, para denunciar "as agresións diarias e a persecución policial que sofren, no día a día, os inmigrantes no noso país". "Queremos denunciar, que moitas veces as forzas de seguridade deteñen as persoas en situación irregular, tratándoas coma se fosen delincuentes, cando só tiñan que impoñerlles unha sanción administrativa. A policía é especialmente celosa coas persoas que simplemente non teñen documentación, mentres, por outro lado, non se lles garante a estas mesmas persoas o acceso regular ás prestacións sociais mínimas co mesmo celo. Isto acontece, por exemplo, cando a muller vítima de violencia machista é estranxeira, xa que dende que se sabe da súa procedencia, ten máis dificultades para acceder ás axudas ou recursos que contempla a Lei neste tipo de casos", sinalou Miguel Fernández, ao tempo que adiantaba que do delegado do goberno español "queriamos conseguir un compromiso fundamental de que non van considerar como delito o feito de non ter papeis, para comezar un procedemento de expulsión, senón que simplemente van multar ás persoas en situación irregular".

Mais, segundo contou, Ameijeiras non se comprometeu a isto "porque di que non pode dar el as ordes precisas, mais agardamos que a xuntanza teña servido para que a policía non sexa tan dura como até o de agora". Ademais disto, Fernández lembrou tamén, que moitas veces as persoas detidas en situación irregular "son tratadas coma delincuentes cando o que fixeron é cometer unha infracción semellante á dunha persoa que conduciu a maior velocidade da permitida nunha zona de velocidade limitada. Sabemos dun caso no que a policía entrou nun piso habitado por persoas de orixe boliviana, pedindo documentación, e cando lles recriminaron a súa actitude, dixeron que foran convidados a entrar", contou Fernández. "queremos sacar da Delegación do goberno un compromiso de que non existe persecución, pero sabemos o que aínda acontece, por exemplo, nas estacións de tren ou autobús de Compostela ou A Coruña, onde a policía segue a pedirlle documentación a toda persoa estranxeira, e a min, por exemplo, non ma piden nunca, e sabemos que detrás disto hai un claro compoñente racista. Se teñen poucos medios para axudar á xente, como din, que non os empreguen en perseguir estranxeiros, que os deixen en paz", reclamou Miguel Fernández.

Neste sentido, lembrou que aínda non houbo un compromiso firme, dende o Goberno Galego, para loitar polas competencias en materia de inmigración: "A Xunta segue sen asumir estas competencias; hai xusto ano e medio que se xuntou o Consello Galego da Inmigración, e dende aquela nada fixeron. Esta entidade non serve para nada, non dá solucións; seguro que se volven xuntar dentro de nada, agora que chega o Nadal, lembrándose, como cada ano, dos pobres e dos inmigrantes, e vén Touriño sacar a foto abrazando uns inmigrantes", lamentou Fernández.

Culpar aos inmigrantes da falta de traballo: un discurso interesado
Vincular a chegada de inmigrantes ao noso país á falta de emprego e outros problemas aparellados á crise non responde á realidade, mais trátase dun discurso intencionado no que non se afonda; ademais, trátase dun argumento moi difícil de contrarrestar socialmente". Neste sentido, Miguel Fernández chamou a acudir ao acto organizado polo Foro para "comprender a mensaxe que queremos transmitir, a mensaxe positiva do fenómeno migratorio xa que os estranxeiros que veñen a Galiza queren vivir aquí, son cidadáns galegos que se adaptan con máis rapidez aos cambios; e que non só serven como forza de traballo, sexa en situación regular como en situación irregular". Neste sentido, sinalou que van facer "un pouco de ruído, para que saiban que aquí estamos, que existimos".


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fuxindo da policía municipal / Flickr: mcfer2k
Fuxindo da policía municipal / Flickr: mcfer2k
Expulsados con grilletes / Flickr: jaumedurgell
Expulsados con grilletes / Flickr: jaumedurgell
Manifestación contra a directiva de retorno. Na pancarta pódese ler 'Onte emigramos, hoxe escravizamos' / Flickr: carloscapote
Manifestación contra a directiva de retorno. Na pancarta pódese ler 'Onte emigramos, hoxe escravizamos' / Flickr: carloscapote
'Ninguén é ilegal. Movémonos tod@s' / Flickr: Ricardoo
'Ninguén é ilegal. Movémonos tod@s' / Flickr: Ricardoo