FeijooTV e QuinTV compiten en internet coa mensaxe de fin de ano na TVG de Pérez Touriño
Pérez Touriño durante a mensaxe de fin de ano de 2007
A televisión pública galega emite este mércores 31 de decembro ás 21h a mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. O vídeo pode ser consultado, despois da súa emisión, no espazo da web da CRTVG AGalega.info. Ás portas dunha nova campaña electoral, os demais líderes afánanse tamén por deixaren pegada festiva con faragulla política aproveitando as súas recentemente estreadas ferramentas internáuticas.
"Se me piden que explique nunha frase por que quero ser o presidente da Xunta diría que quero ser o presidente de todas as galegas e de todos os galegos", afirma o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, no seu videoblog particular, Feijoo.TV tamén visíbel no Youtube. Con marcado ton de mitin, fala Feijoo de pensar para o novo ano "se queremos seguir como até o de agora ou imos impulsar unha nova etapa".
"Antes de nada, esta árbore que teño aquí ao lado é artificial, non cortamos ningunha", advirte o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, quen a continuación asegura que non deixa de ser iso "un simbolismo do futuro que queremos, dunha Galiza que aproveite os seus recursos". Poden velo ao completo en Quin.tv.