Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Demasiada improvisación e publicidade, poucos avanzos e políticas transversais

Balanzo ambiental de 2008 e perspectivas PARA 2009

A pasada foi a lexislatura na que se aprobaron leis de trascendencia ecolóxica como a da paisaxe, a da minaría, de montes, a de residuos ou o canon hidroeléctrico. E está por ver se o seu desenvolvemento práctico, que deberá concretarse en 2009, farase ou non de xeito sustentábel. A experiencia con outras planificacións sectoriais tramitadas no 2008, quer o Plano de Acuícola, o de Instalacións Náutico-deportivas, de Infraestruturas de Comunicación ou o Eólico, amosa que as cuestións ambientais seguen supeditadas aos intereses políticos (caso dos muíños, as estradas ou o AVE) ou mesmo empresariais, como as piscifatorías ou os portos deportivos.

ADEGA - 13:33 07/01/2009
Tags:

Somos conscientes de que unha administración non é un colectivo ecoloxista, mais botamos en falta unha maior sensibilidade ambiental nas políticas públicas así como máis coordenación e transversalidade nas actuacións, e menos improvisación.

Un exemplo disto é a adxudicación dos MW sen ter modificado previamente o insustentábel plano eólico herdado do PP e sen ter definido o modelo enerxético que queremos para o país. Para ADEGA ese novo modelo pasa pola suficiencia, a eficiencia e as enerxías renovábeis como verdadeira alternativa e non só máis megawatios no mercado.

Este 2009 verá tamén a luz novo Plano de Residuos urbanos de Galiza, un proxecto que deberá rachar definitivamente co modelo SOGAMA, apostando pola redución, a reciclaxe, a compostaxe e a descentralización. Ben vimos o fracaso económico e ambiental de SOGAMA e as eivas de Nostián, e deberiamos aprender dos erros. Por iso para ADEGA, os obxectivos deberían ser a incineración “cero”, xunto cunha drástica dimunición da produción de lixo, maior comarcalización e a compostaxe de toda a materia orgánica.

A ordenación do territorio e o urbanismo, especialmente no litoral, ten este ano unha data clave. Se en 2008, feitos consumados como o Plano Acuícola reduciron a capacidade para ordenar racionalmente a costa galega, en maio deste ano remata a moratoria urbanística establecida pola Lei de Medidas Urxentes. Para entón, probábelmente sigamos sen Lei do Litoral: asistiremos daquela a unha nova vaga urbanizadora na costa, desta volta da man da obra pública? E as medidas anunciadas polo governo central para promover obras nos concellos, integraranse nunha planificación sustentábel do territorio ou será máis improvisación e ladrillo a discreción?

As grandes infraestruturas de transporte semellan seguir sendo un dogma intocábel para as administracións. A ampliación do modelo de transporte por estrada (Plano de Estradas, “Vigo Integra”) e a implantación do AVE aparcan o conceito de mobilidade sustentábel, en especial a que representa o tren de proximidade. Fronte a isto, o agardado Plano de Acción contra o Cambio Climático vai camiño de convertirse en papel mollado: propostas ben intencionadas con máis de “plano” que de “acción”.

No capitulo dos espazos protexidos, o 2008 deparou algúns pequenos avanzos (Penedos de Traba, Pena Trevinca) lonxe do que os ecoloxistas vimos demandando e o país merece: a prometida ampliación da Rede Natura foi novamente aparcada mentres piscifatorías, canteiras, centrais hidroeléctricas e muiños eólicos van “collendo sitio”. As contradiccións dunha administración ambiental que non é quen de defender espazos emblemáticos como as Fragas do Eume ou os Canóns do Sil fronte a proxectos delirantes (lagos das Pontes e Meirama, novas centrais hidroeléctricas) mentres insiste en vender unha natureza case bucólica, deberán superarse para que cidadanía comece a tomar en serio as súas propostas.

No actual contexto de crise económica, ADEGA non se resigna a que coma noutras tantas ocasións, as consecuencias as acabe pagando o ambiente. O cambio climático xa non deixa marxe de manobra ás políticas baseadas no produtivismo, a especulación e as práticas depredadoras. Estamos nun momento crítico e por iso, o papel dos movementos sociais e nomeadamente do ecoloxismo recupera protagonismo para canalisar a crecente sensibilidade ambiental da cidadanía. As plataformas cidadás contra o plano acuícola, contra a especulación urbanística, en defensa do tren ou contra os tranxénicos son a expresión dese femómeno. De ahí posíbelmente, o interese dalgunhas institucións por controlar ou silenciar ás voces críticas, ou coma no caso da Consellería de Medio Ambiente, ir un paso máis aló e promover un ecoloxismo acrítico e servil a golpe de subvención.

Dende ADEGA manifestamos novamente o noso compromiso coa cidadanía na intención, pese a quen lle pese, de seguir defendendo o medio ambiente e o patrimonio natural do país tal como vimos facendo dende hai 33 anos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: