Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENFRONTAMENTO

Cruce de acusacións polo control das siglas do Movemento pola Base

O sector de Antolín Alcántara e Manuel Mera acusa aos partidarios de Miguel Anxo Abraira e Fermín Paz de manobrar para apropiarse da organización.

Redacción - 14:00 09/01/2009

Un dos sectores de Movemento pola Base (o encabezado por Antolín Alcántara e Manuel Mera) fixo público un comunicado no que acusa ao outro (capitaneado por Miguel Anxo Abraira e Fermín Paz) de ter manobrado para apropiarse da organización. O escrito encabezado por Alcántara asegura que se convocou unha asemblea para o día 7 de febreiro sen ter en conta a 14 dos 25 membros da Mesa Nacional.

No documento afirman que unha parte do Movemento pola Base comezou a traballar nun “novo proxecto político” de costas á maioría da militancia. Os partidarios de Alcántara e Mera acusan aos seus rivais de recorreren a “expulsións nunca comunicadas, convocatoria selectiva de reunións da Mesa Nacional, rexistro das siglas a nome de fieis, ameazas e finalmente chegar a saír aos medios de comunicación para gañar a lexitimidade”.

A relación co BNG e a CIG acentuou as dicrepancias

A forte crise vivida no Movemento pola Base explícase pola relación dos seu militantes co BNG e coa CIG. Mentres o sector de Paz e Abraira avogan por dar pasos para crear unha nova organización política soberanista á marxe do BNG, Alcántara e Mera apostan por continuar dentro da fronte cun posicionamento crítico.

Pero, sen dúbida, máis problemática aínda é a relación coa CIG, debido a que moitos militantes do MpB proceden do mundo sindical. O sector de Paz e Abraira apostaba por pelexar contra Suso Seixo (UPG) no congreso que se celebrará este ano, mentres que o de Alcántara e Mera non vía tan clara esta estratexia.

O conflito polas siglas e polos dominios da web pode rematar nos tribunais.

Páxina do sector de Paz e Abraira

Páxina do de Alcántara e Mera


3.47/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: