Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Elixido como o 3º mellor de Europa

O Sá Carneiro é o único aeroporto que medra na Eurorrexión

En tempo de crise, e con descoordinación aeroportuaria polo medio, Lavacolla, Peinador e Alvedro perden 350 mil pasaxeiros con respecto ao ano anterior.

Redacción / EP - 09:00 15/01/2009

O aeroporto Francisco Sá Carneiro, a pé da cidade do Porto, foi hai un ano distinguido como o terceiro mellor aeroporto de Europa, nunha lista encabezada polo de Zürich. A infraestrutura portuguesa, que nesa altura de 2007 movía arredor de 3,4 millóns de pasaxeiros, era ademais considerado polo Airport Council International tamén como o terceiro mellor aeroporto con menos de 5 millóns de pasaxeiros.

Na actualidade, o Sá Carneiro mantén o seu imparábel crecemento, convertido no único aeroporto que no medio da crise segue captando viaxeiros de xeito continuo e rematando o ano cun significativo incremento. Así, 2008 acabou para a pista lusa cun volume de 4,5 millóns de pasaxeiros, arredor de 550 mil máis, unha suba do 14%.

Forte descenso en Galiza
Con eses datos, e unido á perda de 351 mil pasaxeiros rexistrada polo conxunto dos tres aeroportos galegos, que suman 4,37 millóns de usuarios en 2008, o liderado aeroportuario chimpa por vez primeira á outra beira do Miño. O de Peinador, en Vigo, foi o que maior porcentaxe de usuarios perdeu, un 9%, 127.206 usuarios menos; seguido do coruñés de Alvedro, un 7,2%, 91.825 por baixo; e de Lavacolla, en Santiago, un 6,5%, 132.738 pasaxeiros menos.

En cifras concretas, a terminal compostelá sumou 1.917.434 pasaxeiros e foi o décimo aeroporto estatal con máis usuarios, a olívica 1.278.762 -ocupa o posto 23- e a herculina 1.174.970, co que se sitúa 24 no ránking, segundo os datos difundidos por Aeroportos Españois e Navegación Aérea (AENA). En canto a número de operacións, Lavacolla efectuou o pasado ano 21.941, un 11% menos que en 2007; Peinador un total de 17.934, cunha caída interanual do 10,3%; e Alvedro 17.718, tras descender un 5,4%.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: