Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En compostela

Lembrando a Ramom Muntxaraz

Este sábado homenaxearase ao psiquiatra, fundador da asociación 'Gaiola' en defensa dos dereitos dos enfermos mentais, e histórico militante da esquerda independentista.

Redacción - 10:41 16/01/2009

Este sábado 17 de xaneiro, ás 17:00 horas no Auditorio de Galicia, en Compostela, comezarán os actos de homenaxe ao desaparecido Ramom Muntxaraz.

Esta quinta feira Xan Carlos Ánsia, Pedro Alonso, Luís Gonçales Blasco, Foz, e Suso Irago explicaron en que vai consistir o acto, que terminará cunha cea para as persoas máis achegadas ao homenaxeado, psiquiatra e histórico militante da esquerda independentista galega, que finou o pasado 29 de xuño de 2008.

"Ramom Muntxaraz, sempre en Galiza"
Xan Carlos Ánsia introduciu o acto salientando o incansábel traballo de Muntxaraz, "sempre baixo a mesma bandeira", e explicando que a homenaxe se vai desenvolver en tres bloques, nos que se van analizar separadamente, en primeiro lugar o lado máis persoal de Muntxaraz, a continuación a súa faceta profesional no eido da psiquiatría, e, para fechar, a sua traxectoria como militante independentista e como sindicalista. Han colaborar nesta descrición, a través das súas intervencións, Manuela Muncharaz, Luís Gonçales Blasco, 'Foz', Joám Lopes, Emílio González, Carlos Cañas, Esperanza Ponce, Xosé Seixas, Xosé Manuel Beiras, Mariano Abalo, Xan Carballo, Eva Loira, Xosefa Rodríguez Porca, Joám Peres, Ugio Caamanho e Francisco Manuel Gonçales Sanches Nolim. Este último vai tratar un dos aspectos máis salientábeis do traballo de Ramom Muntxaraz; a súa participación no boletín Informaçom Obreira, para Ánsia umha "escola de formación do nacionalismo". As intervencións persoais intercalaranse coas de representantes da música e da cultura galega coma Laura e Marina Quintillán, A Quenlla, Xico de Carinho e Tino Baz, baixo a dirección de Eduardo Rodríguez, Tatán.

Os organizadores convidan a toda a xente que queira achegarse no sábado a Compostela, a participar neste acto, e, ademais, coñecer a fondo a figura de Ramom Muntxaraz, que tamén representa unha parte imporante da historia e da política máis recente de Galiza.

A forza da solidariedade
Ramom Muntxaraz finou aos 61 anos en Compostela, tras padecer unha grave doenza. Naceu en Toledo, mais chegou a Galiza a finais dos 70 logo de gañar unha praza de psiquiatra no Hospital de Conxo.

Pouco tempo despois de chegar ao país comezou a súa militancia no nacionalismo da man da Unión do Povo Galego (UPG). Con esta organización participaría no nacemento do BNG en 1982. Catro anos despois participaría na creación do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), unha das organizacións que en 1988 conformaría a FPG. Muntxaraz pasaría posteriormente á APU até a disolución formal desta organización a mediados da década dos 90.
Recoñecido psiquiatra, en 1992 foi un dos fundadores da asociación cultural Gaiola, que pula pola visibilidade, integración dos enfermos mentais na sociedade e polos seus dereitos. Aínda que na actualidade non militaba en ningunha formación política, seguía a colaborar con plataformas políticas como é o caso de Causa Galiza.


4,77/5 (30 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: