Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009

Touriño propón dentista de balde até os 18 anos e anticonceptivos hormonais gratis

O secretario xeral do PSdeG-PSOE participou nun encontro con representantes do sector sanitario, onde aproveitou para prometer tamén o financiamento das próteses dentais para as persoas maiores.

Redacción - 09:00 20/01/2009
Emilio Pérez Touriño durante a xuntanza sectorial de Sanidade organizada polo PSdeG-PSOE

Emilio Pérez Touriño durante a xuntanza sectorial de Sanidade organizada polo PSdeG-PSOE

"Mudamos a política sanitaria dos gobernos populares, que descapitalizaran e debilitaran o sistema, e orientamos o rumbo da sanidade galega cara ao seu fortalecemento", reclamou para o seu partido este luns o líder do PSdeG-PSOE, "Nestes 4 anos de goberno, traducimos en feitos a totalidade dos compromisos do programa electoral, do discurso de investidura e do acordo de Goberno, que asinamos no inicio da lexislatura”, asegurou.

Debullou Emilio Pérez Touriño a política sanitaria liderada pola conselleira socialista, María Xosé Rubio, en cinco piares, que resumiu en "saneamento económico e financeiro, a posta en valor dos recursos humanos, a reordenación asistencial e mellora das prestacións, o impulso das infraestruturas físicas e tecnolóxicas e a participación e a transparencia". De xeito específico, salientou que o orzamento neste campo se incrementou un 49% respecto do que existía en 2005 cunha achega total de 14.000 millóns de euros para a sanidade. Un incremento orzamentario para a sanidade de 1.374 millóns nesta lexislatura que, subliñou, "supera ao realizado nos dez exercicios anteriores de gobernos do PP”.

Deseguido, e como eixos programáticos a desenvolver nunha próxima lexislatura, destacou Emilio Pérez Touriño a vontade de garantir consultas en especialistas "que fagan as probas,o diagnóstico e o tratamento en menos de 30 días”. Do mesmo xeito, no ámbito de dereitos e as prestacións, anunciou a intención dos socialistas de ampliar o Plan de Saúde Bucodental até os 18 anos e a gratuidade das próteses dentais para as persoas maiores e indicou que se extendería a gratuidade dos anticonceptivos e da pílula do día seguinte. Indicou ademais intención de mellorar a xestión das enfermidades crónicas, desenvolvendo un Programa integral de atención a pacientes dependentes con patoloxías crónicas.

Por outro lado, fixo referencia ao pulo de novos hospitais, repasando os casos de Lugo "cun investimento de 225M€; Vigo cun investimento de 447M€; e o Hospital Único de Pontevedra, cun investimento de 120M€” e reformas noutros “Ourense (140,5 M €), Universitario a Coruña (121,4 M €), Ferrol (67 M €), Universitario de Santiago (17 M €), Salnés (9,3 M €), A Costa (9,3 M €) e Barbanza (2,5 M €), Monforte (4,3 M €), Xunqueira (1,6 M €) e Valdeorras (2,4 M €)”.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: