Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Outra renuncia na emigración

Militantes do BNG arxentino piden maior protagonismo e critican "a moderación" da formación política

O responsábel de Acción Social en Bos Aires considera que a organización ten unha presenza simbólica e non dispón de vencello orgánico coa executiva.

Redacción - 16:50 20/01/2009
A ausencia de Francisco Lores, na imaxe, das listas do BNG,  é unha das queixas dos dimitidos

A ausencia de Francisco Lores, na imaxe, das listas do BNG, é unha das queixas dos dimitidos

Nunha carta enviada ao voceiro do BNG en Arxentina, e asinada por Guillermo Ramón Somoza, orixinalmente redactada en español, o responsábel de Acción Social da formación política á outra beira do Atlántico solicita a baixa como afiliado "por non coincidir coa actual posición política e programática" do Bloque. "Polo visto o BNG na actualidade renega de considerarse de esquerdas, non asume a condición de forza política republicana e renunciou a loitar pola autodeterminación de Galiza", interpreta Somoza.

"Non podemos aceptar formar parte dunha organización cada vez máis moderada e centrista", expón Guillermo Ramón Somoza. A continuación, denuncia que a organización non ten en consideración á súa militancia emigrante, e critica que "unha das persoas máis respectadas e coñecidas de toda a emigración, Francisco Lores Mascato, foi excluído desde fai varios anos das listas electorais". Engade ao fío que o BNG na emigración "destruíu todo o traballo que realizaramos, reducindo esta organización a un organismo simbólico, sen apoio,sen recursos nin vínculo orgánico algún". "Moi pouco lle interesa ao BNG a emigración e os seus problemas, tan só nos precisan cando algún representante oficial realiza unha visita e necesita sacarse a foto", denuncian.

"Os emigrantes galegos de esquerda necesitamos recuperar os acenos de identidade do noso pasado glorioso, baixo as bandeiras da Federación de Sociedades Galegas, que loitou decididamente contra o franquismo, polos dereitos humanos e a solidariedade antiimperialista. Entidade que segue loitando pola dignificación dos nosos emigrantes". Remata a misiva Ramón Somoza indicando que as súas posicións ideolóxicas están "con Galiza e xunto a Cuba, Bolivia e Venezuela, reconstruíndo un espazo internacional anticapitalista e non nunha forza xestora do sistema estabelecido, como o fai o BNG no goberno da Xunta". Anteriormente, e baixo argumentacións similares, renunciara Juan José Fernández Ageitos, tamén membro da dirección política do BNG en Arxentina.


4.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: