Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un país normal

Imos cara a unha sociedade máis activa?

Desde a asociación Amarante e a Coordinadora Galega de ONGD, achégannos as súas reflexións. Entra e cóntanos como é o teu país normal?.

Redacción - 12:00 22/01/2009

"Van facer que o mundo estea mellor (...) Están formadas por xente que lle dá moito aos demais e que valoran traballar polo ben dos demais". Velaí dous exemplos de reflexións concretas que podemos atopar no Informe Cero, un interesante estudo sobre o activismo en Galiza impulsado pola Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento. No contorno da coordinadora e máis aló dela, Galiza xerou nos últimos tempos abondosas iniciativas de mobilización cidadá en favor de causas diversas. Sobre a percepción social destas actividades e a vontade de transformación social que canalizan, pretendemos reflexionar desta volta.

Fernanda Couñago, directora de Amarante, chama a sermos "optimistas pero cautelosos". "Isto é unha carreira a longo prazo", subliña. Na súa opinión estamos nun momento vizoso e axeitado para que os movementos sociais se reforcen e afonden na loita por "unha transformación real da sociedade" baseada en cambios estruturais "profundos". "Non nos van poder para", confía Nanda Couñago, ao respecto do potencial dos diversos colectivos, movementos e redes que abrollan no país nos últimos tempos.

No mesmo sentido, María Paz, vogal da Coordinadora Galega de ONGDs, sinala a crecente consciencia da sociedade do noso país respecto da responsabilidade para con outras sociedades. "Somos a cada paso máis coñecedores da interdependencia a nivel mundial", indica, "e iso fainos máis conscientes da necesidade de maior implicación". Con todo, subliña Paz, "queda moito por facer".

Colectivos e redes, imos cara a unha sociedade máis activa e participativa? Implícase máis a xente en iniciativas sociais? Achéganse máis a redes, movementos, ONGDs? Por que si ou por que non? Cal sería a situación ideal?

Agardamos as vosas reflexións. Podedes deixalas no Open Vieiros: Imos cara a unha sociedade máis activa?.


No especial Un país normal podemos escoitar a voz de Manuel Rivas, Fran Alonso, Camilo Franco, Rubén Cela, Paco Macías, Luís Bará, Laura Bugallo, Tino Baz, Fran Pérez 'Narf', Manuel González, Roberto Mansilla e Miguel Anxo Fernán Vello. Son algúns dos primeiros en agasallarnos coas súas reflexións ao respecto dun "país normal". Agardamos tamén polas vosas.


3.4/5 (5 votos)