Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Temporal

Case 300 mil persoas, aínda sen subministración eléctrica en Galiza

O conselleiro de Industria, Fernando Blanco, informa que o vento "dobrou" seis torres de Rede Eléctrica Española en Lalín.

Redacción - 14:15 24/01/2009

Un total de 286.000 abonados de distintos operadores do país permanecen aínda sen subministración eléctrica este mediodía, segundo informou en conferencia de prensa o conselleiro de Industria, Fernando Blanco.

Durante a noite, até medio millón de abonados víronse afectados polos cortes de luz, provocados a consecuencia do temporal de vento e chuvia, que deixou tamén seriamente afectado o servizo telefónico, con 45 mil clientes de teléfono fixo incomunicados, 19 mil sen ADSL e 384 bases fóra de servizo.

A infraestrutura máis danada localizouse en Ferrol, onde houbo un corte de fibra óptica que comezou a se recuperar ás 11.00 horas deste sábado.

"Dobramento" de torres
Blanco precisou que se rexistraron ventos que superaron os douscentos quilómetros por hora, o que provocou que "dobrasen" seis torres de Rede Eléctrica Española no municipio dezao de Lalín, que transportan tensión de 400 quilovoltios e que están preparados para soportar ventos de máis de 180 quilómetros por hora.

Nestes momentos, máis de mil operarios traballan nos labores de reposición da subministración, que xa comezaron de madrugada en condicións "moi difíciles e perigosas" salientou o conselleiro.


4.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: