Poñamos por caso que os emigrantes da Fonsagrada ou das Nogais “decidiron”, cousas do famoso libre albedrío, marcharen a Barcelona ou Euskadi no canto de facelo a Xenebra, Dormunt ou Caracas. Aínda é hoxe o día no que me pregunto, coma tantos, e non dou coa resposta, por que razón eses galegos e galegas non poden votar nas autonómicas e os de Alemaña, Suíza, Venezuela, si.
Quizais sexa esa ficción de que os emigrantes a Madrid ou Cataluña son menos emigrantes, e xa que logo merezan menos consideración. Hai quen asegura que o absurdo é tan grande que se facilita o voto a xente que xa se sente culturalmente desarraigada alén do mar, que votarían totalmente de “oídas”, asesorados polos famosos/as axentes electorais, (non todos, pero máis dun cento)....mentres se lle dificulta o voto a outros que veñan cada segunda fin de semana.
Non é menor outro asunto. Cando son as eleccións en países que teñen que demostrar ante a ONU e a humanidade enteira que son serios, limpos e democráticos, como Venezuela, ou Ecuador, observamos enormes colas de emigrantes americanos á porta das súas embaixadas e consulados no territorio español. Alí, como cidadáns dunha democracia normal, acreditan a súa identidade, son anotados na lista de votantes, depositan o voto en urna e despídense do presidente da mesa cun “a usted le vaya bien, muchas grasias”. É dificilísimo que nunha desas democracias baixo vixilancia se coe un morto nunha desas ringleiras.
Os galegos somos distintos, e supoño que as galegas tamén. Inventamos o voto en carreta. Cando o de carretar vivos medio mortos polas aldeas se puxo difícil, houbo que inventar o carrexo de mortos medio vivos na emigración. Sen urna. Sen colas. Sen grasias.
Houbo toda unha lexislatura para amañar este impresionante borrón na lexitimidade democrática galega. E non se fixo. Houbo o escándalo aquel da axente electoral do PSOE. E non se fixo. Descubriuse que coa evolución do censo o voto emigrante pode condicionar radicalmente o resultado final. E non se fixo. Por algo será.
Agora resulta que a Xunta Electoral Central –pouco máis pode facer nesta altura- esixe que, como mínimo, se deposite, xunto co voto por correo, unha copia do DNI ou pasaporte español, algo que cando menos acredita unha certa intención de manter un vínculo coa nacionalidade de orixe, algo mínimo, en calquera caso aínda insuficiente, inadmisible en Venezuela ou Ecuador. E aínda con esas hai a quen lle parece mal.
Por algo será.