Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
YODECIDO.COM

Filmax comercializará música e filmes nunha tenda online

A empresa galaico-catalá presenta un proxecto en liña para a venda de produtos audiovisuals, como un xeito de explorar as novas tendencias de mercado.

Redacción - 12:25 03/02/2009

A empresa cinematográfica Filmax Entertainment, presidida polo galego Xulio Fernández, acaba de poñer na rede un novo portal audiovisual no que comercializará contidos dixitais. Yodecido.com espera adaptarse a un novo mercado en que se tende a un maior consumo deste tipo de produtos a través da internet mentres descende a asistencia ás salas e a venda de DVD.

Aínda que o presidente de Filmax recoñece que este tipo de iniciativas non tiveron demasiado éxito, pola popularidade do intercambio de arquivos, que sae de balde, presenta a súa web como unha aposta a medio e longo prazo. Yodecido.com saíu cun catálogo de 3 millóns de cancións e 700 filmes, estes últimos da súa distribuidora.

Os prezos van dende os 69 céntimos dunha canción até os 4,95 euros de mercar un filme, e non é preciso descargar ningún tipo de software para acceder ao servizo. Como é habitual neste tipo de webs, é posíbel preescoitar ou previsualizar contidos e, como novidade, pódense ver filmes en streaming, con publicidade, na sección de televisión.

Tamén se pode destacar que, no apartado de música, conta cunha sección dedicada ás composicións en galego, catalán ou éuscaro. As descargas con DRM (como os alugueiros de filmes) só funcionan en computadores con Windows, aínda que tamén dispón de produtos sen DRM que funcionan en calquera sistema opretivo.

Outra das características de Yodecido.com é que conta coa súa propia rede social na sección Camerino, con intercambio de opinións sobre os produtos audiovisuais, e conta tamén coa súa canle en YouTube. Segundo a propia empresa, en poucos días o portal xa superou os 1.500 rexistros. Aspira, ademais, a converterse nunha tenda con produtos doutras distribuidoras e non só de Filmax.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: