Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

Feijoo pide un eurofondo de apoio fronte á liberalización das cotas leiteiras

Durante a xuntanta en Estrasburgo con representantes da UE, o líder do PP tamén convidou o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, a visitar Galiza á volta de marzo.

Redacción - 09:00 04/02/2009

"Hai que actuar rápido, antes de que sexa demasiado tarde", expuxo o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, durante a súa reunión este martes en Estrasburgo coa comisaria europea de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Marian Fisher Boel, á que lle insistiu na necesidade de habilitar un fondo para "rexións sensíbeis" e moi dependentes pola súa vocación láctea. Indicou Núñez Feijoo que a inminente desaparición do actual sistema de cotas lácteas en 2015, deixará o agro galego "nunha situación crítica que require de medidas a longo prazo que garantan a viabilidade das explotacións".

Ao fío, Feijoo referiuse ao que na súa opinión foi unha "mala política negociadora" do goberno español, ao que uniu a avaliación dunha "nula capacidade do bipartito para mudar as políticas europeas relacionadas coa agricultura". Factores que segundo Feijoo "conduciron ao escenario actual, no que os gandeiros galegos padecen as consecuencias negativas desta situación".

Por outro lado, o líder do PP galego tamén se reuniu coa comisaria europea de Política Rexional, Danutta Hübner, e explicou á saída da xuntanza que a responsábel europea lle anunciou que Galiza pode solicitar axudas de fondos europeos para facer fronte aos danos provocados polo recente temporal. "O bipartito debe remitirlle ao goberno español unha relación dos desperfectos, coa correspondente cuantificación económica, que deberá ser trasladada ás autoridades comunitarias antes de que remate o vindeiro mes de marzo", sinalou Feijoo.

A visita de Feijoo completouse cunha entrevista co presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, así como co Presidente do Parlamento europeo, convidados ambos os dous a visitaren Galiza a partires do 1 de marzo "co obxectivo de coñecer de primeira man os problemas do país e no que a Unión Europea pode axudar, como o problema lácteo, da pesca, o AVE transfonteirizo con Portugal e, o levantamento do veto de Astano para que recupere a construcción civil".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: