Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

A FPG: Na procura do sufraxio máis soberanista

A formación chega cavilando en que o verdadeiro reto poden ser as vindeiras eleccións municipais de 2011.

Ramón Vilar - 12:00 04/02/2009
Tags:

Con vinte anos ás costas, a Fronte Popular Galega é a organización independentista máis veterana do páis. Nucleada arredor do Partido Comunista da Liberación Nacional (que se escindira dous anos antes da UPG) e de Galiza Ceive-OLN foi vista naquel entón como o xermolo dunha organización independentista forte. Porén a actividade do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive tensou a vida interna e deu pé a que un sector que apoiaba abertamente a loita armada saíse da organización para crear APU.

Dende aquelas a FPG intentou seguir o seu propio camiño. En 1992, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín incorpórase ao proxecto e canda Mariano Abalo converterase no principal referente do mesmo. Mais na década dos 90, cun BNG disparado, a FPG non era quen de enganchar masa electoral e social. Porén, houbo unha excepción: Cangas do Morrazo, onde a organización independentista sempre tivo unha musculatura considerable.

Mais a FPG de 2009 considera que se atopa noutra tesitura. A organización independentista cre que se dan as condicións para que a medio prazo o independentismo conte con máis apoios. Esta hipótese viría dun desgaste do BNG, acelerada pola súa chegada ao Goberno. Eis aí o caladoiro que busca a FPG, enganchar os electores máis soberanistas que seguen apostando polo Bloque.

Principal obstáculo: A febleza organizativa
A FPG presentouse en 2005 ás eleccións ao Parlamento de Galiza. Naquela ocasión, esta forza só logrou algo menos de tres mil votos. Desta vez pensan que poden superar con creces esta cifra pero tamén son conscientes de que, aínda así, a porcentaxe de votos vai ser moi baixa. Hai que ter en conta que outra organización independentista (Nós-UP) tamén presenta candidaturas polas catro circunscricións o que aínda vai fraccionar máis o escaso voto independentista.

Con numerosos referentes no mundo da cultura (Ferrín, Anxo Angueira, Xabier Cordal, Chus Pato...) e con algunha presenza sindical, un dos problemas principais da FPG é a súa case nula implantación nas comarcas do país.

A verdadeira aposta pode ser 2011
O verdadeiro reto para o FPG poden ser as vindeiras eleccións municipais de 2011. Cada vez son máis as voces dentro desta organización que consideran que é preciso tender pontes cos sectores máis críticos do BNG (Movemento pola Base ou o mesmo Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras). Esta hipótese pasaría pola constitución dunha fronte soberanista e de esquerdas cun discurso diferente ao do nacionalismo maioritario. A estratexia semella clara: intentar abrir camiño por medio das corporacións locais para ter opcións de entrar no Parlamento de Galiza en 2013.


4,16/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: