Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DUN MES DE TEMPORAL

Cos barcos amarrados, o mercado de peixe fresco reséntese

As transaccións nas lonxas decaen por mor do mal tempo vivido nos últimos días: no mes de decembro a mercancía descargada nos portos descendeu un 21%

Redacción - 14:15 07/02/2009

A flota de baixura está a ser das máis afectadas por un mal tempo que non abandona Galiza: cos barcos amarrados a porto durante varios días, as poxas nas lonxas están a ver limitadas as súas transaccións. Así o reflicten as estatísticas que recompila a Consellaría de Pesca sobre o volume de toneladas descargadas nos portos galegos: no pasado mes de xaneiro os mercados de primeira venda só recibiron 8.571 toneladas de peixe, mentres que no mesmo período do ano pasado descargáronse case 11 mil toneladas. Se comparamos estes datos coa evolución histórica de prezo e vendas, estas estatísticas supoñen os peores resultados de poxa en lonxa dende que en 2003 a costa galega sufrise a agresión ambiental provocada polo afundimento do Prestige.

Esta situación é aínda peor se nos centramos nos peiraos que se adican exclusivamente á baixura, como é frecuente nas Rías Baixas ou na Costa da Morte, por exemplo. Pola contra, outras lonxas cun volume maior de transaccións, como a da Coruña ou a de Vigo, rexistraron menores descensos grazas á presenza de buques de maior tonelaxe que puideron sortear en máis ocasións as inclemencias meteorolóxicas. Por exemplo, a lonxa da Coruña comercializou en xaneiro máis de 1.841 toneladas de peixe fronte ás 1.632 do mes anterior (-11%).

Seguro do mal tempo
Cunha flota amarrada durante case un mes enteiro, os resultados económicos da meirande parte dos barcos de baixura son este mes moi limitados. Con todo, aqueles que asinaron o seguro de mal tempo percibirán indemnizacións por non poder traballar a causa das malas condicións meteorolóxicas. Son 216 as unidades suxeitas a este tipo de póliza e cobrarán en compensación polos días que o temporal os obrigou a permanecer amarrados a porto durante cinco días consecutivos.

Este seguro cobre uns ingresos mínimos e a Consellaría de Pesca asume até o 70% da prima da póliza. Son indemnizacións diarias e oscilan segundo a dimensión do buque, o tipo de arte (arrastre de litoral, cerco, artes menores e percebeiros) ou os días de franquía estabelecidos no contrato. A cantidade diaria que percibirá un arrastreiro de litoral oscilará entre os 125 euros dunha embarcación pequena e os 1.250 por día amarrado dun barco de maiores dimensións. Do mesmo xeito, no caso do cerco, as cantidades varían entre os 100 e os 1.200 euros; as embarcacións de artes menores reciben entre 60 e 160 euros diarios; e os percebeiros entre 70 e 140 euros (a flote) e 50 euros por día (a pé).


Ligazóns

4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: