Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Ideas para cara ao 1M

Sector leiteiro: Os primeiros pasos dun longo camiño

A última lexislatura iniciouse coa expectación da chegada ao Goberno das formacións que durante anos asumiran como propias algunhas das reivindicacións históricas do sector.

Pablo García Martínez - 09:15 12/02/2009

Na altura de 2009, e pasados os catro anos de pacto no goberno, co nacionalismo pilotando a consellaría de Medio Rural, falamos co sector gandeiro para peneirar luces e sombras da lexislatura. A impresión inicial é que o pouso da bravura coa que se comezou converteuse en vontade e boas intencións supeditadas, se cadra, a poderes alleos, manifestamente Unión Europea e multinacionais leiteiras, que atan en aspectos clave as mans dos representantes políticos.

Algunhas das reivindicacións básicas que os gandeiros levaban lustros reclamando eran a recuperación dunha mesa estábel de debate na que se puideran xuntar os representantes de sindicatos, produtores e industrias de transformación. O impulso dun contrato homologado no que se recollan algunhas das reivindicacións básicas dos produtores era un segundo eixo. E unha terceira preocupación que aparecía nas prioridades era o problema do relevo xeracional na titularidade das explotacións.

A pé de granxa, un gandeiro explica para Vieiros que é innegábel que a percepción de mudanzas nos últimos tres anos e medio no sector da produción leiteira. Avalían que se produciu unha mudanza na vontade de mellorar a situación dos produtores de leite e que se recoñeceu unha defensa dos intereses dos leiteiros do país nas interlocucións que tiveron cos responsábeis do sector a nivel estatal e europeo. Esta vontade teríase traducido en medidas que trataron algunhas das reclamacións históricas dos gandeiros do país, mais ao fin da lexislatura quedaría a impresión de que se trata de iniciativas que son apenas só o primeiro paso dun camiño no que aínda queda moito por andar.

Defensa dos intereses do país
A implicación dos nacionalistas neste caso no deseño de políticas para un sector á beira do cal levaban lustros facendo da situación dos produtores de leite unha das súas principais reivindicacións, traducíase nunha expectación especial coa chegada do BNG á Consellería de Medio Rural. Desde o departamento liderado por Alfredo Suárez Canal, afirman ter completado neste tempo un traxecto claro en defensa dos intereses dos produtores, no medio ademais dun contexto complicado debido ás limitacións impostas polas Políticas Agrarias Comúns e pola situación dun sector controlado fundamentalmente por capital de multinacionais estranxeiras.

Entre os destaques cos que avalan esa traxectoria, aparecen por exemplo a consecución en 2006, da meta de que por primeira vez Galiza vira correspondido no reparto do Fondo de Cota o seu peso na produción a nivel estatal. A Xunta defendeu neste escenario a necesidade de que repercutan no país os excedentes que producen todas as fases de elaboracións dos produtos lácteos. Un contexto onde a creación dun grupo leiteiro forte no país aparece como clave para o fortalecemento do tecido empresarial nacional e onde optimismo é grande en 2009 despois de que o concurso eólico se resolvese cunha importante adxudicación para o proxecto que achegaban as principais cooperativas leiteiras do país. "Este é o maior exemplo de redistribución de riqueza en Galiza", afirman desde as cooperativas impulsoras da idea, que esperan agora que a inxección económica bote á fin adiante o proxecto.

Outro chave do sector foi a oposición radical á subida progresiva do sistema de cotas até a súa supresión, imposta pola UE para o ano 2015. Ante isto o secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, afirma que "cómpre poñerse a traballar porque a caída das cotas é unha realidade que debemos asumir e as explotacións deben estar preparadas para asumir ese reto". A Consellaría de Medio Rural négase a asumir a imposición por parte da UE, e segue traballando para acadar unha medida que teña en conta as realidades dos diferentes sistemas produtivos que se artellan dentro da comunidade económica europea, no canto dunha medida parcial que favorece claramente os intereses dos grandes produtores, principalmente franceses.

Contrato homologado
A firma dos primeiros contratos homologados supón un pequeno paso adiante que, polo momento, poucos gandeiros están experimentando. A firma dun contrato homologado cunha empresa supón para un gandeiro a garantía de recollida do leite durante un período de tempo acordado, nunhas condicións económicas mínimas sobre as que ironiza a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, cando explica que "non supón moita mellora, porque o que está claro é que non imos vender o leite a un prezo que nos dea perdas". Sobre o contrato homologado Francisco Bello afirma que "non acaba de arrancar porque está claro que as industrias non teñen intención de romper a relación anacrónica da que se están beneficiando".

O gran cabalo de batalla aquí é a fixación duns prezos mínimos, que vai en contra das leis favorecedoras da libre competencia coas que conta a lexislación estatal. Sobre isto, Freire afirma que "hai que ter un pouco de vontade crítica, porque as leis sobre a competencia do Estado Español tampouco son inamovíbeis". Procurando atallar esta problemática o BNG impulsou unha proposta que foi aprobada por maioría no Parlamento e está pendente de ser debatida no Congreso, na que se pide que se poidan estabelecer uns prezos mínimos para os alimentos de primeira necesidade, como é o leite.

Contrato de explotación sustentábel
Esta proposta favorece a produción de leite en condicións de respecto ao medio ambiente, fomentando un modelo de gandaría extensiva, baseada nos recursos naturais do país. Hoxe a produción de leite ecolóxico en Galiza é cada vez máis habitual, grazas a esta medida que favorece aos gandeiros tendo en conta tanto a súa unidade de traballo como o modelo de contacto co medio que propoñen. Francisco Bello ve esta medida como unha "avance interesante", mais reclama que se "suavicen algunhas das regras para que así todos os gandeiros teñan acceso ás axudas". A principal reivindicación que lle fai ao contrato de explotación sustentábel Carme Freire é que "recolle como requisito obrigatorio para a súa creación a contratación dun servizo de asesoramento privado, no canto de fomentar paralelamente un instituto de asesoramento público".

Renovación dos propietarios e fomento da muller
Durante estes catro anos tamén se levaron a cabo políticas que fomentaron o relevo xeracional na titularidade das granxas. Ademais, procurouse a emerxencia do papel da muller dentro das explotacións, recibindo axudas especiais aquelas facendas nas que é unha muller quen figura como titular ou co-titular.

SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO


Durante a última lexislatura o BNG foi o encargado de xestionar as decisións referentes ao medio rural, e por extensión as do sector de produción láctea, mediante a consellería dirixida por Alfredo Suárez Canal. Se os nacionalistas volveran rexer o futuro da produción leiteira do país din que van continuar o traballo feito até o momento en eidos como o control da calidade do leite, a consolidación do sistema de axudas e a ampliación e mellora na utilización da superficie forraxeira. Ademais, a nivel asociativo agárdase que o reparto do concurso eólico supoña o pulo definitivo para a creación dun grupo leiteiro galego. No que se refire á supresión das cotas do leite anunciadas pola UE para o ano 2015, o BNG anunciou que aproveitará o contacto coa UE previsto para 2010 e 2012 para reivindicar unha redistribución da cota, tendo en conta o balanzo produción consumo e criterios sociais. Tamén anunciou que instará ao estado a crear un fondo lácteo no que se recollan axudas ás granxas que poden ver lastrada a súa capacidade competitiva no futuro. No caso de manterse o pacto de goberno entre BNG e PSdeG mais as competencias no medio rural se traspasen ao PSOE estes propoñen un programa semellante ao do BNG, malia que non se amosan tan críticos coa supresión do sistema de cotas. Así, o programa para o sector lácteo do PSOE basearíase no rexuvenecemento da titularidade das explotacións, fomento do acceso da muller á titularidade das mesmas, pulo do modelo extensivo e dos recursos zooxénicos autóctonos ou o tratamento axeitado dos residuos procedentes das granxas.

SE CAMBIA O GOBERNO


No caso de que Núñez Feijoo se converta no presidente da Xunta despois das elección do 1 de marzo, a política respecto ao sector leiteiro estará baseada na aprobación dun Plan Estratéxico do Sector Lácteo 2009-2014. O obxectivo deste plan é garantir que os gandeiros galegos sexan competitivos no escenario de supresión das cotas do leite que se agarda para o ano 2015, escenario que o PPdeG xa asume con resignación. Se chega ao Goberno, o PP centrará o seu traballo en aplicar melloras técnicas que fagan o leite galego máis competitivo, marketing estratéxico para promocionar o produto e recomendar aos leiteiros do país que vaian emigrando cara ás vacas de carne, no que define dentro do seu programa como "diversificación da produción".


4.5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: